Novas

martes, 23 de xuño de 2020

O Concello vixiará o consumo de bebidas no exterior dos locais de Pardo Baixo fora das terrazas autorizadas

O concelleiro responsable de Seguridade, Germán Costoya, mantivo esta maña unha reunión con representantes dos hostaleiros da rúa, que mostraron a súa “total colaboración”


O Concello vixiará o consumo de bebidas no exterior dos locais de Pardo Baixo fora das terrazas autorizadas

 O Concello de Ferrol vai intensificar o dispositivo de vixilancia na rúa Pardo Baixo para evitar o consumo de bebidas no exterior dos establecementos sempre que no sexa nas terrazas autorizadas de cada local. Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, despois de manter unha reunión con representantes dos hostaleiros de Pardo Baixo no pazo municipal. 


O edil agradeceulles a súa “total colaboración” para evitar “de forma conxunta” que se repitan situacións como a vivida a pasada fin de semana, cando se congregaron grupos de persoas que consumían bebida nos exteriores dos locais e fora das terrazas. Ás dúas da mañá axentes da Policía Local acudiron a Pardo Baixo para informar aos responsables dos establecementos que debían retirar as mesas e cadeiras xa que a partir desa hora non están autorizadas. 

Ademais de poñer en marcha un dispositivo máis amplo, o concelleiro de Seguridade indicou que a Policía Local intensificará a vixilancia respecto ás medidas de seguridade e protección sanitaria que aínda están vixentes.

Responsabilidade individual 
Costoya quixo aproveitar a ocasión para pedir á cidadanía “prudencia e responsabilidade individual”, xa que aínda hai restriccións sanitarias. “O comportamento de cada un é clave para evitar a propagación do virus”, dixo. E indicou que desde o Concello se está moi pendente do que decrete a Xunta de Galicia nos próximos días en relación ao ocio nocturno.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar