Novas

mércores, 24 de xuño de 2020

O Concello inicia a reapertura de 54 parques infantís e 11 biosaudables

En 27 deles continuarán os labores de mantemento, polo que algúns dos xogos permanecerán aínda precintados, mentras se arranxan ou se substitúen por outros novos. A concelleira Ana Lamas pide á cidadanía que respecte as sinalizacións que informarán do aforo máximo e que non acceda ás zonas que permanezan restrinxidas temporalmente


O Concello inicia a reapertura de 54 parques infantís e 11 biosaudables

O Concello de Ferrol comezou hoxe a reapertura de parques infantís e biosaudables da cidade. Despois de contratar un servizo de desinfección diario para cumprir a normativa esixida pola Xunta de Galicia, a concellería de Medio Ambiente, dende a que se xestionan este tipo de instalacións, elaborou nos últimos días un plan para volver poñelas en servizo. Técnicos municipais estudaron caso por caso as necesidades de cada área de xogos logo dun percorrido no que os acompañou a concelleira Ana Lamas. Así, 54 dos parques comezan hoxe a abrirse de novo ao público. En 27 deles estarán dispoñibles todos os elementos, mentres que noutros tantos manteranse precintados algúns para continuar cos traballos de reparación que se viñeron desenvolvendo nos últimos meses, e incluso se procederá á substitución dos xogos que estean máis deteriorados. Outros sete, nos que se levarán a cabo traballos de mantemento ou renovación de maior entidade, como poden ser a substitución do chan ou de elementos de gran tamaño, permanecerán pechados de forma temporal. 


En cada un dos parques estase instalando un sinal no que se indica o aforo máximo permitido, calculado en función da superficie que ocupa, para que os nenos e acompañantes poidan manter a distancia de seguridade. A concelleira de Servizos, Obras e Medio Ambiente, Ana Lamas, pídelle á cidadanía que respecte estas limitacións para garantir a seguridade, do mesmo xeito que lembra a prohibición de empregar calquera xogo que continúe precintado. Lamas apela á responsabilidade individual de nais e pais para que os pequenos poidan volver gozar das áreas especialmente destinadas a eles sen correr riscos e indica que xa se está traballando nos proxectos referidos ás actuacións de maior envergadura para que estean listos canto antes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar