Novas

xoves, 25 de xuño de 2020

Os clubs que usan as instalacións deportivas municipais xa dispoñen dun novo protocolo de actuación, menos restritivo que o da fase 3

O concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, firmou esta semana o documento, que adapta os procedementos tras o fin do estado de alarma e a entrada na nova normalidade


Os clubs que fan uso das instalacións deportivas municipais dispoñen dende esta semana dun novo protocolo de actuación axeitado á situación de “nova normalidade”, o que supón medidas menos restritivas e adecuadas á normativa e ás recomendacións das autoridades sanitarias para a situación actual. O concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, firmou o pasado martes un documento que contempla que poderá ser modificado segundo a evolución da situación epidemiolóxica e en función do que establezan tanto as Administracións autonómica e estatal. 


Entre outras moitas medidas, o protocolo, que están a recibir todas as entidades, inclúe a obrigatoria identificación de cada un dos deportistas que accedan aos recintos, a desinfección de mans e calzado, o emprego de máscara protectora e o respecto aos circuítos de mobilidade indicados na instalación. Ademais, os adestradores ou responsables de cada grupo deberán velar polo cumprimento de todas as normas, incluídos os horarios. No caso de nenos, deben estar acompañados por persoal da entidade, que se encargará de supervisar que observan todas as medidas hixiénicas.

Excepcionalmente, as nais e os pais poderán acceder cos menores ao vestiario infantil da piscina de Caranza, mais trátase dun único caso, xa que os acompañantes terán prohibida a entrada no resto de instalacións. 

Este protocolo substitúe ao establecido para a fase 3 da desescalada, que entrou en vigor o pasado 8 de xullo, co paso de Galicia a dito período de volta á nova normalidade. Aquel documento, pese a que era moito máis restritivo que o actual, recollía por primeira vez dende o inicio do estado de alarma a posibilidade de levar a cabo adestramentos en grupo. Durante a fase 2 estiveron limitados unicamente aos individuais, polo que a maioría dos clubs decidiron non usar as instalacións municipais pese a que xa estaban abertas. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar