Novas

xoves, 25 de xuño de 2020

O servizo de salvamento nas praias de Ferrol comezará a funcionar esta fin de semana

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, destaca que será o primeiro en empezar en toda a comarca, pese á demora na selección de persoal provocada polo estado de alarma. Logo de que a concellería de Servizos instalara as casetas e de que fosen dotadas do material necesario, os socorristas prestarán o servizo a partir do mediodía do sábado 27


O servizo de salvamento nas praias de Ferrol comezará a funcionar esta fin de semana

O servizo de salvamento nas praias ferrolás comezará a funcionar este sábado, 27 de xuño, a mediodía. Tras a finalización de todas as probas de selección e para elixir un coordinador de praias e responsables de casetas, os socorristas do Concello de Ferrol serán os primeiros da comarca en comezar a traballar este ano. Antes da declaración do estado de alarma debido á covid-19, estaba previsto que puideran facelo a mediados de mes, pero a situación e epidemia causou unha dilatación no inicio da selección de persoal. Aínda así, o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, destacou que o proceso se levou a cabo o máis rápido posible, de xeito que se conseguiu iniciar antes de que rematara xuño a vixilancia dos areais, que se estenderá ata finais de setembro, cando na maior parte dos municipios se cobren só xullo e agosto. 


Entre o luns e o martes desta semana, mentres se realizaba a proba escrita para elixir aos responsables dos socorristas e o tribunal avaliaba os resultados, a concellería de Servizos instalaba as casetas móbiles nas praias que non contan con instalacións fixas. En paralelo, o departamento que dirixe a concelleira Ana Lamas vén realizando durante as últimas semanas reparacións e substitucións de elementos deteriorados, instalación de duchas sanitarios portátiles e traballos de roza e limpeza. O pasado martes, Lamas recolleu as bandeiras azuis que este ano lucirán de novo Doniños, Esmelle, San Xurxo e A Fragata, e que se izarán nos próximos días.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar