Novas

xoves, 25 de xuño de 2020

Unanimidade no pleno para apoiar ao persoal de Noa Madera

A corporación municipal celebrou hoxe a primeira sesión presencial dende o inicio da crise sanitaria pola covid-19


Unanimidade no pleno para apoiar ao persoal de Noa Madera

O pleno municipal celebrado esta mañá no pazo municipal, o primeiro presencial dende o inicio da crise sanitaria pola covid-19, aprobou por unanimidade dar o seu apoio ao cadro de persoal de Noa Madera nunha unha moción presentada polo grupo municipal do BNG. En dito punto, o 13, tomou a palabra un representante dos traballadores da firma. 


No punto 1 da orde do día aprobáronse os borradores das actas das sesións anteriores, correspondentes ás celebradas os días 28 de maio (ordinaria) e 4 e 15 de xuño (extraordinarias) de 2020 e no 2 deuse conta das resolucións ditadas pola Alcaldía e os seus delegados no período comprendido entre os días 4 de maio e 8 de xuño de 2020. 

O punto 3, a proposta de aprobación de facturas incluídas no recoñecemento extraxudicial, saíu adiante cos votos a favor do PSOE e as abstencións da oposición. 

O punto 4, a proposta de aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos, aprobouse cos votos favorables do PSOE e FeC, a abstención do PP e en contra do BNG. 

No punto 5 deuse conta das vítimas mortais por violencia de xénero dende o 1 de xaneiro ata o 15 de xuño de 2020: 21 mulleres.

A continuación comezou o debate e votación das mocións. Os puntos 6, 9 e 12 debatéronse de forma conxunta. O número 6, a presentada polo grupo municipal de Ferrol e Común para a reactivación do tecido deportivo na cidade, aprobouse por unanimidade. O punto 9, a moción do grupo municipal do Partido Popular relativa á apertura das instalacións deportivas e ó abono de axudas ós clubes e entidades deportivas, votouse por puntos e dividiuse o terceiro: 

1. Instar ao Goberno municipal a elaborar un protocolo de actuación para as instalacións deportivas municipais ao obxecto de poder acceder ás mesmas con tódalas garantías de seguridade: unanimidade. 
2. Instar ao Goberno municipal a abonar aos clubs e entidades deportivas as axudas e convenios que aínda queden pendentes do ano 2019: unanimidade. 3. Instar ao Goberno municipal a avanzar na aprobación das subvencións de libre concorrencia do 2020 cunha nova liña para compensar a audiencia da liña de 2019: unanimidade. 
4. Elevar ao próximo pleno unha proposta consensuada de convenios nominativos para garantir que os clubs e entidades deportivas poidan manter a súa actividade diaria: abstención do BNG e o resto a favor. 

O punto 7, a moción do grupo municipal Ferrol en Común para a aprobación da contratación da prestación do servizo de axuda no fogar do Concello de Ferrol, aprobouse cos votos a favor do PSOE, PP e FeC e a abstención do BNG. 

O punto 8 e o 11 debateuse conxuntamente. O primeiro, a moción do grupo municipal Ferrol en Común en defensa do emprego e apoio aos traballadores e traballadoras do sector industrial, aprobouse cos votos a favor do PSOE, FeC e BNG e en contra do PP. O punto 11, a moción do Grupo Municipal do Partido Popular en apoio da competitividade e futuro dos empregos das industrias galegas, votouse por puntos: 
1. Manifestar o apoio da institución aos traballadores e traballadoras afectados directa e indirectamente polo anuncio de peche da produción de aluminio en Alcoa San Cibrao: unanimidade. 
2. Solicitar ao Goberno de España que sexa contundente á hora de defender a continuidade da produción de aluminio primario en España e busque unha solución inmediata para que non paren as cubas, así coma para que ningunha persoa traballadora perda o seu emprego, que inclúa as seguintes medidas: Aprobar de maneira inmediata o Estatuto de Consumidores Electrointensivos coas alegacións presentadas ao borrador polos traballadores, os gobernos de Asturias, Cantabria e Galicia e pola propia industria electrointensiva; Convocar urxentemente a poxa de interrompebilidade para o segundo semestre de 2020, polo menos, co mesmo importe que o pasado ano, con bloques de MW para as empresas hiper-electrointensivas; Autorizar o máximo importe permitido pola Unión Europea para compensar os custos indirectos de emisións de CO2; elaborar un plan específico para este sector co obxectivo de optar aos fondos que ten previsto repartir a UE para impulsar unha recuperación sostible, equitativa, inclusiva e xusta a través dunha resposta eficaz en favor dunha Europa ecolóxica, dixital e resiliente: 23 a favor e a abstención do BNG. 
3. Solicitar da Xunta de Galicia que manteña a súa lealdade institucional e a súa oferta de colaboración co Goberno na posta en marcha das medidas anteriores, como ten feito de maneira permanente desde que saltaron as primeiras alarmas en outubro de 2018: A favor PP, abstención do BNG e en contra PSOE e FeC. 
4. Solicitar ao Goberno de España que rectifique e dote de carga de traballo aos estaleiros de Navantia Ferrol mediante a contratación dun AOR e inicie inmediatamente a execución do Estaleiro 4.0 cunha inversión comprometida de 200 millóns de euros: Unanimidade 
5. Solicitar ao Goberno de España que se dote a Autoridade Portuaria de FerrolSan Cibrao de parte dos Fondos de Transición Xusta Comunitaria para o financiamento das inversións que se atopan en execución para a mellora da competitividade do Porto Exterior: aprobouse coa abstención do BNG. 

O punto 10, a moción do grupo municipal do Partido Popular relativa a promover, con carácter de urxencia, medidas efectivas e reais destinadas á conciliación familiar, votouse por puntos. 
1. O pleno da corporación reproba ao goberno o incumprimento do acordo plenario adoptado en data 25 de maio de 2020 para garantir o servizo de conciliación ás familias e insta ao Goberno Municipal ao seu cumprimento con carácter de urxencia: aprobouse cos votos en contra do PSOE. 
2. O pleno da corporación insta ao goberno municipal a aprobar unha partida económica destinada a “bonos concilia”, bonos de axuda para o coidado a menores no fogar: Aprobouse coa abstención do BNG e en contra do PSOE. 
3. O Pleno da Corporación insta ao Goberno Municipal a comezar a elaboración do I Plan de Conciliación laboral: unanimidade. 

Por último, o punto 14, a moción do grupo municipal do BNG relativa a propostas de Adega sobre medidas medioambientais: aprobouse cos votos a favor do PSOE, FeC e BNG e en contra do PP. 

Fóra da orde do día votouse a favor por unanimidade outro punto, a ratificación do decreto de alcaldía en relación á la utilización do superávit de tesourería de 2019 para destinalo a gasto de emerxencia social. 

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar