Novas

venres, 26 de xuño de 2020

Dous equipos de persoal de limpeza realizarán labores diarios de desinfección do mobiliario das praias e das casetas dos socorristas

A concelleira de Servizos, Obras e Medio Ambiente, Ana Lamas, sinala que coa posta en marcha deste dispositivo os areais ferroláns cumprirán as normas ditadas por Sanidade


Dous equipos de persoal de limpeza realizarán labores diarios de desinfección do mobiliario das praias e das casetas dos socorristas

O Concello de Ferrol formalizou esta semana un contrato para dar cumprimento ás normas para o uso das praias ditadas por Sanidade no referido á limpeza e desinfección de elementos de uso común. Así durante os próximos tres meses, mentres dure a tempada de verán, dous equipos formados por dous traballadores cada un encargaranse de levar a cabo estes labores unha vez ao día, en horario de mañá, de luns a domingo. O persoal de limpeza encargado empregará produtos virucidas autorizados, que aplicará en todos os elementos de mobiliario instalados nos areais, incluído o interior das casetas de socorrismo. A concelleira de Servizos, Obras e Medio Ambiente, Ana Lamas, sinala que este dispositivo servirá para garantir que os areais ferroláns cumpren coas normas aprobadas pola Administración autonómica. 


Este novo servizo engadirase ao xa contemplado no contrato de limpeza, polo que a concesionaria se encarga da hixiene de aseos, que leva a cabo dúas veces ao día: a primeira hora e a mediodía. A nova normativa autonómica inclúe tamén a obrigatoriedade de informar mediante sinalización acerca das medidas hixiénicas e de precaución que os usuarios deben ter en conta para a utilización das praias, algo que a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol está a preparar para todos os municipios que forman parte dela, polo que tamén se dará cumprimento a esa esixencia. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar