Novas

venres, 26 de xuño de 2020

Os concelleiros de Contratación e de Benestar Social explicaron aos grupos políticos os últimos detalles do prego do servizo de axuda no fogar

Antes de levar o documento á comisión que ditaminará sobre el, Julián Reina e Eva Martínez Montero presentaron a redacción definitiva, para a que se tiveron en conta as achegas presentadas pola oposición a partir dun primeiro borrador


O novo contrato do servizo de axuda no fogar dá estes días os derradeiros pasos antes de ser sometido ao pleno da corporación municipal. Será en xullo cando o goberno local así o faga, pero antes os concelleiros de Contratación, Julián Reina, e de Benestar Social, Eva Martínez Montero, convocaron para esta mañá aos grupos políticos do Concello para presentarlles a redacción definitiva dun documento no que se tiveron en conta as achegas da oposición. O pasado febreiro, en comisión informativa, fíxoselles partícipes dun primeiro borrador que tiveron oportunidade de revisar para facer contribucións. Agora, logo de diferentes incorporacións e finalizados os pregos, Reina e Martínez, acompañados de técnicos dos seus departamentos, quixeron explicar a versión definitiva antes de que o contrato sexa ditaminado o próximo mércores na comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación. Aínda que non forma parte dela, está previsto que a edil de Benestar Social tamén participe na reunión para aclarar calquera dúbida que poida xurdir. 


A elaboración do prego técnico foi unha das principais prioridades da concellería de Benestar Social dende o inicio do presente mandato. Nada máis asumir a competencia, a concelleira Eva Martínez Montero puxo en marcha a redacción do documento e, en paralelo, mantivo permanentes contactos con traballadores e empresas para telos informados dos pasos que se ían dar. Entre tanto, foi necesario formalizar unha prórroga do segundo lote do contrato en vigor, aprobada polo pleno da corporación o 26 de setembro do ano pasado. 

O mencionado prego técnico rematouse a finais do pasado febreiro, despois de que na reunión da Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada o día 13 dese mes se lles presentase aos grupos políticos municipais un borrador para que puidesen facer as súas achegas. Segundo explicou Martínez Montero, a aquel documento incorporáronse máis do 50 % das propostas trasladadas pola oposición. Así, o 26 de febreiro remitíuselle ao departamento de Contratación para a súa revisión técnica e xurídica. En coordinación cos servizos xurídicos e técnicos do Concello, durante os últimos meses fóronse cumprindo todos os trámites necesarios, co fin de contar con todos os informes que son preceptivos antes de poder someter o expediente á aprobación do pleno. Trátase dun contrato que, en palabras da concelleira, é “ambicioso” e “moi competitivo”. Ademais, vai “mellorar substancialmente o actual do servizo”. Isto débese, por unha banda, a que se presentará nun só lote co obxectivo de “optimizar recursos”. Por outra, a que o prezo de licitación alcanzará os 5,5 millóns de euros, cun incremento de 2,6 sobre o que se estaba destinando ata agora a este servizo. Esta é a primeira vez que se vai revisar dende o ano 2014. Agora, a partir da súa adxudicación, permitirá atender a un mínimo de 87 usuarios máis.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar