Novas

luns, 29 de xuño de 2020

O alcalde mostra o seu apoio aos traballadores do Juan Cardona e insta á Xunta a buscar coa xerencia do hospital unha solución ao problema

Ángel Mato: “Independentemente do meu firme compromiso coa sanidade pública, non podo permanecer impasible ante a situación que sofren máis de trescentos empregados”


O alcalde de Ferrol mostrou esta mañá o seu apoio aos traballadores de hospital Juan Cardona, que se enfrontan a un recorte de ingresos de ata 200 euros, aseguran. Ángel Mato considera que “a Xunta non pode ser allea” á situación do centro ferrolán. “Como alcalde, pídolle ao Goberno galego que busque solucións”, insistiu. O rexedor lembrou que en Ferrol a epidemia de covid-19 “estivo controlada en todo momento” e que, nese senso, hai que agradecer o labor do persoal sanitario, polo que “non lle podemos aplaudir primeiro e despois abandonalo á súa sorte”. 


“Independentemente do meu firme compromiso coa sanidade pública, non podo permanecer impasible ante a situación que sofren máis de trescentos traballadores do Juan Cardona”, dixo Mato antes de instar ao Sergas e ao hospital a atopar un acordo “que non sexa lesivo para uns traballadores máis esenciais ca nunca na actual situación”. É “urxente”, remarcou, que a Administración autonómica, xunto coa xerencia do centro, busque unha solución “na que non esqueza as condicións do persoal sanitario” que traballa nel. 

O alcalde avanzou tamén que ten intención de convocar a unha xuntanza no Concello ao comité de empresa do centro hospitalario para que lles poida explicar o problema polo miúdo a todos os voceiros dos grupos municipais, coa intención de a reunión sirva para axudar a atopar un acordo que evite o deterioro das condicións laborais dos sanitarios do Juan Cardona.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar