Novas

luns, 29 de xuño de 2020

As solicitudes para as axudas á escolarización e as becas de comedor poden presentarse de forma presencial sen cita previa no Rexistro Xeral

O voceiro do goberno local, Julián Reina, indicou que o Concello “non deixará a ningún escolar fóra destas axudas”, cuxo prazo de presentación remata o próximo 8 de xullo


As solicitudes para as axudas á escolarización e as becas de comedor poden presentarse de forma presencial sen cita previa no Rexistro Xeral

O concelleiro de Urbanismo e Infraestructuras, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, Centro de Recursos Informáticos e Organización Interna e voceiro do goberno local, Julián Reina, informou esta mañá tras a celebración da Xunta de Goberno Local de que a documentación para solicitar as axudas á escolarización e as becas de comedor pode presentarse de forma presencial e sen cita previa no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. A Administración local, explicou o portavoz, “non vai deixar a ningún escolar fora destas axudas”, polo que “dentro das nosas posibilidades estamos a facilitar que as solicitudes poidan presentarse en prazo”. Este remata o próximo 8 de xullo. O resto de servizos continúan funcionando preferentemente de forma telemática ou mediante a solicitude de cita previa. 


Na que foi a primeira rolda de prensa tras o estado de alarma, logo da recuperación tamén hoxe das sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local, Reina lembrou que o Concello continua coa súa adaptación á desescalada e á nova situación xerada pola covid-19. Tamén se está a traballar na posta en marcha dunha locución na atención telefónica do Concello (981 944 000) na que se relatan os números de teléfono e extensións dos departamentos municipais “co fin de evitar a saturación”. Por elo, dixo, “pedimos a colaboración da cidadanía” e agradeceu o labor desenvolvido polo servizo de atención cidadá, cuxo persoal se duplicou a semana pasada co fin de axilizar as consultas dos veciños. Na actualidade aténdense unha media de preto de mil chamadas diarias. 

Reina tamén indicou que o goberno local continúa axilizando a celebración das mesas de contratación, o que supón “unha axuda á nosa cidade con inversión pública”, dixo, porque “sabemos que con cada novo contrato evitamos ás familias a súa incerteza no seu posto de traballo”. Polo tanto, ademais de lanzar axudas directas á economía de Ferrol a través do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME Ferrol), o Concello “tamén axuda a dinamizar a economía local axilizando a actividade económica local”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar