Novas

luns, 29 de xuño de 2020

Ferrol recuperará a feira o 19 de xullo e o mercadillo de Recimil o próximo luns

Os de Caranza e o Inferniño está previsto que se volvan celebrar os sábados 1 e 8 de agosto, respectivamente. Germán Costoya reuniuse esta mañá cos representantes dos vendedores para pór en común as medidas de seguridade


O concelleiro de Mercados, Germán Costoya, mantivo esta mañá unha xuntanza cos representantes dos vendedores ambulantes para pór en común as medidas de seguridade que se deberán aplicar de cara á volta deste colectivo á súa actividade tanto na feira de Ferrol coma nos mercadillos de Recimil, Caranza e o Inferniño. A primeira volverase celebrar o 19 de xullo, terceiro domingo de mes, mentres que en Recimil os postos xa se instalarán o próximo luns, día 6, para continuar coa periodicidade habitual de dous días á semana (tamén se celebran os mércores). 


Segundo explicou o edil, se a situación evoluciona con normalidade e como está previsto, os mercadillos de Caranza e o Inferniño retomaranse xa en agosto, os sábados 1 e 8, respectivamente. 

Durante a reunión fíxose especial fincapé no cumprimento das medidas sanitarias decretadas para a nova normalidade, tanto no que atinxe á hixiene nos propios postos de venda coma no que se refire ao mantemento de distancias de seguridade que recolla a normativa en vigor no momento de celebrarse o mercadillo ou feira. Costoya agradeceulles aos voceiros dos vendedores a vontade de colaboración que lle trasladaron e insistiu na necesidade de que se cumpran todas as normas para garantir a seguridade do persoal dos postos e dos clientes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar