Novas

martes, 30 de xuño de 2020

O Concello e Afundación subministrarán 300 menús diarios a nenos e maiores ata o inicio do curso escolar

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente da entidade social, Miguel Ángel Escotet, firmarán o convenio “Cubertos”, polo que cubrirán as necesidades de alimentación de 300 pequenos da cidade e de 17 usuarios de comedores sénior


O Concello de Ferrol e Afundación van a poñer en marcha a partir de mañá, 1 de xullo, o programa social “Cubertos”, polo que se subministrarán 300 menús diarios, de luns a venres, a nenos da cidade que teñan beca, aos seus irmáns e a aqueles que as unidades básicas da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, estipulen beneficiarios de dito recurso. Tamén están incluídos un total de 17 menús a persoas maiores usuarios de comedores sénior en Ferrol “e que se viron afectados polo seu peche como consecuencia da covid-19”. Trátase de veciños que se encontran en situación de “vulnerabilidade económica” e xa viñan recibindo o menú no seu fogar durante os meses de confinamento, tal e como explicou a edil Martínez Montero, “polo que expomos a Afundación a posibilidade de incluír a estes 17 veciños no plan social”.  


O programa posto en marcha por Afundación coa colaboración do Concello comeza mañá e alargarase ata o inicio do curso escolar, no mes de setembro. Os menús repartiranse de luns a venres, de 13 a 14 horas, no Edificio Social, na Casa Solidaria, no centro Carballo Calero e no centro cívico de Caranza. 

Trátase dunha iniciativa en resposta á situación derivada da crise da covid-19 e ao agravamento das situacións de vulnerabilidade social e risco de pobreza, particularmente das familias con menores ao seu cargo. É por elo polo que Afundación deseñou este programa de intervención social en favor das persoas menores de idade co fin de atender as súas necesidades de alimentación a través do subministro de menús durante o período estival.

Gran xesto de “xenerosidade e sensibilidade” 
A concelleira de Benestar Social quixo agradecer a Afundación o “gran xesto de xenerosidade e sensibilidade” do órgano con estes colectivos, “grandes afectados ao longo dunha crise sanitaria que se converteu en crise social e económica”. Gracias a esta iniciativa, lembra, “300 nenos e nenas e maiores de Ferrol van dispoñer dunha comida completa e saudable” os mais de dous meses de vacacións de verán, antes do inicio do curso, cando comecen de novo os comedores e as becas que pon en marcha o Concello de Ferrol e cuxo prazo de presentación de solicitudes para o curso 2020-2021 segue aberto ata o 8 de xullo. 

“Vivimos tempos difíciles nos que a cidadanía necesita a nosa axuda”, dixo Martínez Montero, e lembrou que desde o primeiro día do estado de alarma o Concello concedeu a cada familia beneficiaria da beca de comedor escolar “un vale por valor de 50 euros por menor cada 15 días e ata o final das clases”. A edil aproveitou para agradecer tamén aos traballadores da concellería de Benestar Social o “inmenso traballo” realizado en “tempo récord” para preparar a posta en marcha deste servizo. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar