Novas

martes, 30 de xuño de 2020

O Concello comeza a fase formativa do plan “Ferrol Cidade Viva”

As sesións celébranse luns e mércores ata o 15 de xullo xunto con asesoramento individualizado no marco dun programa que busca “dinamizar a economía local”, explica María Teresa Deus. A concelleira indicou que os 90 establecementos participantes retomarán a formación en setembro xunto cunha “ambiciosa promoción do noso comercio local”


O Concello de Ferrol, a través da concellería de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, que dirixe María Teresa Deus, puxo en marcha esta mesma semana a fase formativa do programa “Ferrol Cidade Viva”, o plan deseñado polo Concello co fin de dar “impulso aos emprendedores da nosa cidade”, explicou Deus, e “axudarlles a buscar a sustentabilidade dos seus negocios ao tempo que reactivar a actividade económica local”. 


Polo momento son 90 os establecementos participantes no programa. Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto aínda poden enviar un correo electrónico a emprego@ferrol.es e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles. 

A fase que comezou onte inclúe nove sesións elixidas polos participantes de entre 12 propostas, que se impartirán de forma telemática de luns e mércores. de 20.30 horas a 22 horas. ata o 15 de xullo. De forma paralela recibirán asesoramento personalizado “co fin de potenciar os aspectos que sexan máis relevantes para eles. Queremos axudarlles a obter o máximo rendemento dos seus negocios, e para elo terán acompañamento individualizado”, explicou a concelleira de Promoción Económica. No mes de setembro continuarase coa formación e asesoramento e poñerase en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local co obxectivo de incentivar as compras e captar clientes”. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as vendas cruzadas. 

O programa co que o Concello pretender darlle impulso ao comercio local non deixa de lado os recursos dixitais. Na posta en marcha da gran promoción dos negocios contarase cunha aplicación que terá dobre uso: os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos dos establecementos, sorteos, premios, incentivos ás vendas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo. O cliente poderá acceder a ela a través dun código QR que estará exposto nos establecementos participantes. Neste punto, María Teresa Deus explicou que “todo este proceso será moi sinxelo, ese é o noso obxectivo, facer a campaña o máis accesible posible”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar