venres, 03 de xullo de 2020
O Concello solicita unha subvención para programas de educación en igualdade
A concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Cristina Prados, pediu á Xunta unha axuda de 8.000 euros para poñer en marcha plans de sensibilización e información
O Concello de Ferrol, a través da concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Cristina Prados, solicitou á Xunta o pasado mes de xuño unha subvención de 8.000 euros para poñer en marcha Ferrol en Feminino, un programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra mulleres.
Tal e como explicou a edil na comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller,
Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada onte, a concellería está á espera da
resolución do Goberno autonómico. O obxectivo do plan Ferrol en Feminino é “poñer
en valor ás mulleres ferrolás que na actualidade están exercendo profesións de interese
para a nosa cidade e, por extensión, para a sociedade en xeral”. Tamén “fomentar a
concienciación social” sobre a súa traxectoria e crear unha rede de apoio a mulleres,
especialmente para aquelas en risco de exclusión e en situación de vulnerabilidade.
No caso de recibir a subvención, desde a concellería de Muller e Igualdade
“elaborarase unha relación de obras literarias e traballos de investigación elaborados por
mulleres e deseñarase un programa de conferencias. Tamén realizaremos exposicións con obras de artistas ferrolás para dar a coñecer as súas creacións”. O obxectivo, dixo,
“é poñer en valor o traballos das nosas veciñas e darlles o recoñecemento que merecen
co apoio do Concello”.