Novas

mércores, 15 de xullo de 2020

O Concello remata a limpeza de cunetas en todas as parroquias da cidade

A concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, deu conta na comisión de hoxe dun plan de traballo que comezou no mes de maio e interveu en 23 quilómetros. A edil anunciou as actuacións que se levarán a cabo para proceder antes de que finalice o verán á limpeza dos tramos fluviais nos espazos urbanos para a súa conservación. O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, percorreu a praia de Caranza e as de bandeira azul xunto coa presidenta de ASCM para analizar o seu grado de accesibilidade


O Concello remata a limpeza de cunetas en todas as parroquias da cidade

O Concello de Ferrol vén de rematar as labores de limpeza de cunetas en todas as parroquias da zona rural, segundo deu conta esta mañá a concelleira Ana Lamas na comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación. A concellería de Servizos, Obras, Medio Ambiente, Zona Rural e Participación Cidadá puxo en marcha o pasado 4 de maio un plan de traballo de limpeza de cunetas para intervir en 23 quilómetros do municipio con fin de proceder á correcta evacuación de augas. A concellería tamén comezou o 18 de maio o segundo plan de roza de vías deste ano, co que se garante a visibilidade e unha maior seguridade nos camiños e estradas de titularidade municipal. Estes labores finalizaron xa en todas as parroquias a excepción de Serantes e San Pablo, nas que se está a traballar na actualidade. 


Lamas tamén deu conta na comisión de hoxe das actuacións que levará a cabo o Concello para proceder antes de que finalice o verán á limpeza dos ríos en tramos urbanos para o seu mantemento e conservación co obxectivo de evitar posibles inundacións por interrupcións dos leitos. O fin, explicou a responsable de Medio Ambiente, é “aproveitar que a tempada estival é tecnicamente a época máis favorable para levar a cabo estes labores”. Para elo, asegurou, “teranse en conta as achegas veciñais”.

Revisión do grado de accesibilidade das praias 
Pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, informou na comisión de hoxe da súa visita ás praias da cidade co fin de revisar o seu grado de accesibilidade. O edil percorreu na tarde do luns a de Caranza e as catro con bandeira azul —Doniños, San Xurxo, Esmelle e A Fragata— para comprobar o seu nivel de accesibilidade. Estivo acompañado pola presidenta da Asociación Sociocultural ASCM de Persoas con Discapacidade, Paula Gárate, e ambos repasaron tanto os accesos ás praias e zonas axardinadas como os aseos e prazas de estacionamento reservadas para persoas con discapacidade. Durante a visita ao areal de Caranza sumouse a presidenta veciñal, María del Pilar Rodríguez. 

Reina, quen escoitou suxestións que lle trasladaron algúns usuarios, explicou que o seu departamento analizará detenidamente e de forma pormenorizada os aspectos que se poden optimizar de cara a aumentar o grado de accesibilidade nas praias. “A intención do Concello”, explicou, “é planificar unha serie de actuacións para que todos os veciños e visitantes poidamos gozar da riqueza do noso litoral”. 

Para elo, dixo Reina, o seu departamento manterá o contacto tanto coa ASCM como con outras entidades co fin de buscar de forma “conxunta” o beneficio do colectivo. Deste feito, a concellería de Mobilidade examinará diferentes opcións, entre elas a posibilidade de habilitar zonas de sombra na area e aumentar a accesibilidade aos espazos axardinados próximos ás praias, como por exemplo o do paseo marítimo de Caranza.

Tramitación de novas axudas á rehabilitación 
O tamén portavoz municipal e concelleiro de Urbanismo, Infraestructuras, Vivenda e Rehabilitación informou á oposición durante a comisión de hoxe da recente aprobación da cualificación provisional de intervencións de rehabilitación subvencionadas correspondentes á anualidade 2018 do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Este trámite implica o envío da proposta elaborada polo Concello ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, que a deberá aprobar provisionalmente (dentro dun prazo aproximado dun mes) antes de que a Administración local abra un período para a xustificación da subvención e, finalmente, se poida realizar a proposta de aprobación definitiva. O voceiro do goberno local, Julián Reina, explicou que se trata dun paso “moi importante” para que as persoas que apostaron pola rehabilitación na cidade “poidan percibir as subvencións ás que optaron”. Segundo detallou, logo dos trámites antes citados e de que se obteña a cualificación definitiva por parte do IGVS, o Concello empezará a aboar as axudas. 

Reina informou que a proposta aprobada inclúe 124 intervencións en vivendas no ámbito de actuación da Magdalena e Ferrol Vello, que acada xa a súa 13.ª fase. Para A Graña (9.ª fase) contémplanse 6, mentres que para Esteiro Vello (3.ª fase) constan 10. Para o primeiro destes ámbitos, a subvención prevista por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana é de 816.387,79 euros, e por parte da Xunta de Galicia, de 98.910,86. Nas outras dúas, a distribución entre ambas Administracións é de 51.295,64-14.974,67 e de 12.475,91-4.885,30, respectivamente. Trátase de importes con cargo ao Plan Estatal de Vivenda, en base ao convenio asinado polo ministerio e o IGVS, dentro do que o Concello ten a función de órgano de xestión e tramitación. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar