Novas

venres, 17 de xullo de 2020

María Teresa Deus presenta aos comerciantes o borrador das bases para as subvencións de concorrencia competitiva

A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica e Turismo deu conta na Mesa Local de Comercio de hoxe do documento, que se debaterá coa oposición na próxima comisión informativa. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu a reunión, á que acudiron representantes de asociacións do sector


María Teresa Deus presenta aos comerciantes o borrador das bases para as subvencións de concorrencia competitiva

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá no pazo municipal unha nova reunión da Mesa Local de Comercio, á que acudiron representes da asociación Amas de Casa, da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), ECHO Catabois, Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena, do goberno autonómico e membros dos grupos municipais do PP e do BNG. 


A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, presentou aos asistentes o borrador das bases para as subvencións de concorrencia competitiva ao comercio local co fin de escoitar as súas consideracións e necesidades antes de sometelo a debate cos grupos da oposición durante a comisión do próximo martes. Por último, o pleno deberá aprobar o documento. A Mesa Local de Comercio desta mañá tamén aprobou a memoria de actividades de Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena. 

Próximo pago das axudas 
A concelleira tamén trasladou aos membros da mesa que o Concello de Ferrol comezará a pagar as axudas do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME-Ferrol) para autónomos e pequenos empresarios da cidade antes de que remate este mesmo mes de xullo. María Teresa Deus tamén anunciou que nos próximos días se publicará a listaxe definitiva dos beneficiarios do programa, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ferrol co fin de paliar os efectos económicos da covid-19 no comercio local. Unha vez avanzada a tramitación, tal e como explicou a edil, o Concello abrirá unha segunda convocatoria de axudas a autónomos e pequenas empresas financiada con cargo ao remanente do PAME. Serviría para que os solicitantes que non cumprían os requisitos contemplados nas bases poidan optar de novo ás axudas unha vez que subsanen o problema. Tamén para que pedisen a subvención quen por outros motivos non o fixeron na convocatoria que se está a resolver agora. 

Preto de cen emprendedores en formación 
Deus lembrou que xa son preto de 100 os establecementos participantes no programa “Ferrol Cidade Viva”, un plan deseñado polo Concello co fin de reactivar e dinamizar a economía local e do que vén de rematar a primeira parte da fase formativa e de asesoramento, que se retomará no mes de setembro. Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto aínda poden enviar un correo electrónico a emprego@ferrol.es e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles. 

Unha vez pasado o verán tamén se poñerá en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción” do comercio local para incentivar as compras e captar novos clientes. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as vendas cruzadas. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar