Novas

sábado, 18 de xullo de 2020

O Concello pon en marcha un dispositivo de prevención nas praias debido ás elevadas temperaturas desta fin de semana

Esta mañá instalouse en Doniños unha carpa cunha enfermaría provisional atendida por voluntarios de Protección Civil e pola tarde levantouse outra en San Xurxo


O Concello pon en marcha un dispositivo de prevención nas praias debido ás elevadas temperaturas desta fin de semana

O Concello de Ferrol puxo en marcha hoxe un dispositivo especial preventivo-sanitario para garantir a seguridade nas praias debido ás altas temperaturas que se están rexistrando esta fin de semana. Esta mañá foi enviado a Doniños un vehículo de apoio loxístico e levantouse nas inmediacións do areal unha carpa cunha enfermaría provisional atendida por dous voluntarios de Protección Civil. Pola tarde, dobráronse os medios tanto materiais coma humanos coa instalación dun dispositivo idéntico en San Xurxo. Estes efectivos súmanse ao servizo de salvamento, presente durante a tempada estival en nove areais do termo municipal. 


En ambos casos, as enfermarías están atendidas por voluntarios da rama sanitaria que dispoñen de material para atender a persoas que o poidan necesitar debido ás altas temperaturas previstas para esta fin de semana. Está previsto que mañá tamén estean abertas, xa que aínda que se prevé un descenso das temperaturas, as máximas, segundo os prognósticos, continuarán próximas aos 30 graos.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar