Novas

luns, 20 de xullo de 2020

O Concello reordenará a distribución dos postos ambulantes da feira de Ferrol

O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, percorreu xunto coa Policía Local o primeiro mercadillo da rúa Irmandiños tras o parón pola crise sanitaria da covid-19


O Concello reordenará a distribución dos postos ambulantes da feira de Ferrol

FERROL, 19 DE XULLO. O concelleiro de Seguridade, Tráfico, Mercados e Consumo, Germán Costoya, percorreu esta mañá a feira de Ferrol da rúa Irmandiños, a primeira xornada desde o parón que provocou a crise sanitaria da covid-19. Estivo acompañado por axentes da Policía Local, que revisaron a localización de cada un dos postos do mercadillo co fin de elaborar un plano coa súa distribución definitiva que dará pe ao pintado de marcas no firme para delimitar o espazo que poden ocupar. Para elo, explicou o edil, “teranse en conta tanto os metros de ocupación autorizados en cada unha das licencias como as medidas de seguridade e protección establecidas polas autoridades sanitarias” con motivo da pandemia e que xa se cumpriron na xornada de hoxe, na que a feira ocupou só unha das marxes da vía para facilitar tamén a separación entre os clientes.
Costoya anunciou que as marcas no firme que fixarán o espazo que pode ocupar cada un dos postos estarán pintadas antes da próxima feira, que terá lugar o terceiro domingo de agosto.
O concelleiro e os axentes da Policía Local estiveron acompañados polo técnico da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), que aproveitou o percorrido para distribuír entre os vendedores carteis informativos que lembran a obrigatoriedade do uso da máscaras para a súa colocación nos seus postos, ao igual que xa se fixo no mercadillo de Recimil, que retomou a súa actividade ambulante o pasado 6 de xullo.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar