Novas

luns, 20 de xullo de 2020

O Concello comezará esta semana a rehabilitación das envolventes da rúa Betanzos, a obra municipal de maior importe nos últimos anos

O voceiro do goberno local explicou que hoxe se aprobaron tanto o plan de seguridade e saúde desta actuación coma a adxudicación de dirección de obra, dirección de execución e coordinación de seguridade para os números 1 e 2 da rúa Ares


O Concello comezará esta semana a rehabilitación das envolventes da rúa Betanzos, a obra municipal de maior importe nos últimos anos

FERROL, 20 DE XULLO. Esta mesma semana botará a andar a execución do proxecto de rehabilitación das envolventes dos números 1-8 da rúa Betanzos, en Recimil. Así o anunciou hoxe o voceiro do goberno local, Julián Reina, na comparecencia posterior á reunión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou o último trámite previo ao inicio dos traballos. Trátase do plan de seguridade e saúde. O tamén concelleiro de Urbanismo destacou que este é o proxecto municipal de maior orzamento que se pon en marcha nos últimos anos, xa que foi adxudicado por 1.358.275,24 (impostos incluídos), o que o sitúa a un nivel similar ao da praza de Armas. “É unha obra de gran importancia non só polo seu importe, senón polo que significa, que é mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas de Recimil”, asegurou Reina, que detallou que se trata de actuacións similares ás que se están a rematar agora mesmo nas rúas 10 de Marzal e Narón. Estes traballos significarán unha drástica redución dos labores de mantemento nos edificios que se beneficien deles. Neste caso, trátase “dun dos máis grandes do barrio”, xa que abarca oito bloques de vivendas.
Reina destacou a importancia do barrio para o Concello e asegurou que “ninguén se esquece de Recimil”, polo que “nin moito menos vai ser a derradeira actuación que se vai facer nel”. De feito, quixo poñer en valor que o proxecto da rúa Betanzos, coma todos os que son con cargo aos investimentos financeiramente sostibles, é posible “grazas á unanimidade da corporación municipal”. 
A da rúa Betanzos é unha das tres obras que se van executar este ano en Recimil con cargo aos citados investimentos financeiramente sostibles e que supoñen aproximadamente dúas terceiras partes destes fondos procedentes do superávit das contas municipais. Sumada á rehabilitación das envolventes dos números 1 e 2 da rúa Ares (para a que a Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá a adxudicación do servizo de dirección de obra, dirección de execución e coordinación de seguridade e saúde) e á renovación da rede de pluviais na parte do barrio que dá á praza de España, suporá un investimento de aproximadamente dous millóns de euros. Con estas actuacións dáselle continuidade á rehabilitación do primeiro parque de vivenda pública de Galicia e un dos primeiros de España.
Reina reuniuse o pasado venres cos responsables da adxudicataria (a UTE formada por Prace Servicios y Obras e Xestión Ambiental de Contratas), coa dirección de obra e con técnicos municipais para planificar o inicio inminente dos traballos, coa intención de que sigan a planificación establecida e supoñan “o menor prexuízo posible para os residentes”. O seu prazo de execución é de seis meses.

“Unha aposta pola rehabilitación”
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a solicitude para que Ferrol participe na anualidade 2020 do Programa de Fomento da Rexenaración e Renovación Urbana e Rural do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 no eido da rexeneración urbana. Isto permitirá “continuar con esta aposta pola rehabilitación”. Reina indicou que, “anualidade tras anualidade, é un éxito”, polo que quixo darlles as grazas a todas as persoas que “deciden apostar polas nosas áreas de rehabilitación integral”. “O que buscamos dende o Concello é acompañar esa reahabilitación sumnándonos a ela non só para que se recuperen edificios, senón barrios, coa súa personalidade”, dixo.

Coa participación na nova anualidade volveránse beneficiar os veciños de Ferrol Vello, A Magdalena, A Graña e Esteiro Vello como xa o viñan facendo nos últimos anos. Como mostra, a semana pasada, a Xunta de Goberno Local tamén resolveu remitir ao IGVS a proposta de cualificación da anualidade 2018, que ascende a máis dun millón de euros en axudas.

Medios para a Policía Local
Outro dos asuntos destacados que se abordaron na reunión de hoxe foi a adxudicación do subministro de tres vehículos para a Policía Local. Son un todoterreno, un furgón de sete prazas para desprazamento de persoal e un turismo. No primeiro caso, responde á necesidade de dotar ao corpo dun vehículo con capacidade específica para desprazamento pola zona rural, onde hai certas vías que requiren dunhas características moi concretas, e ata o de agora non se dispoñía del. Para o portavoz, este é un paso máis dos que xa se están dando “para dotar ao noso corpo dos vehículos necesarios para desenvolver o seu traballo”.

Beirarrúas da Cabana
Finalmente, Julián Reina avanzou que esta mesma semana se van firmar as expropiacións para a construción da segunda fase das beirarrúas de Serantes. “Damos o paso previo á licitación da obra”, dixo sobre un proxecto que “foi actualizado no anterior mandato, pero que leva agardando dende o 2009”. Esta actuación estará acompañada pola construción de beirarrús tamén na vía permpendicular, a estrada de acceso ao cemiterio de Serantes, co fin de dar seguridade a unha zona moi transitada e de dotala dos servizos necesarios.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar