Novas

venres, 24 de xullo de 2020

A cidade gaña 250.000 metros cadrados de terreo na Malata, A Cabana e Ferrol Vello grazas a un convenio Concello-Porto

Tanto o alcalde, Ángel Mato, coma o presidente da Autoridade Portuaria, José Manuel Vilariño, calificaron de "histórico" o acordo


A cidade gaña 250.000 metros cadrados de terreo na Malata, A Cabana e Ferrol Vello grazas a un convenio Concello-Porto

A cidade gañará para o seu patrimonio 245.774 metros cadrados de terreo na Malata, A Cabana e Ferrol Vello. Estes seranlle cedidos gratuitamente pola Autoridade Portuaria ao Concello en virtude dun acordo que as partes acaban de alcanzar inicialmente. Ese pacto, en forma de convenio, ten que ser autorizado por Portos do Estado, o Ministerio de Facenda e o pleno da corporación municipal, ao que se someterá a aprobación do documento na sesión ordinaria deste mesmo mes de xullo.
Negociado polo alcalde, Ángel Mato, e o presidente do Porto, José Manuel Vilariño, o borrador do convenio establece que a Autoridade Portuaria, previa desafectación, cederá ao Concello para fins de utilidade pública un paquete de bens que actualmente forman parte do dominio público portuario. Entre eles atópanse dúas parcelas que o Concello ocupa nestes momentos en réxime de autorización: as zonas A-940 e A-939.
A zona A-939 consta de 129.313 metros cadrados sobre os que se asentan o estadio da Malata, un campo de fútbol de adestramento, dous campos de fútbol 7, un estanque, unha cancha de kayak-polo, áreas de estacionamento, viais e zonas verdes. A zona A-940 son outros 45.875 metros cadrados onde se sitúan, entre outros servizos e construcións, o pavillón da Malata co seu aparcamento e o complexo polideportivo do mesmo nome, dotado de campo de rugby e pistas de atletismo, pádel e tenis.
Pola ocupación e actividade desas dúas zonas, cunha bonificación do 50 %, ao Concello correspóndelle anualmente o abono á Autoridade Portuaria de senllas taxas de 146.433 e 412.765 euros. A partir da entrada en vigor do convenio, as arcas municipais aforraranse ese desembolso de case 560.000 euros por exercicio.
Ademais, o acordo inclúe o traspaso á cidade da estrada alta do Porto e doutras que transcorren pola zona de servizo das citadas áreas A-939 e A-940 (estrada da Malata e conexións co Acceso Norte), así como do vial de comunicación entre as estradas alta e baixa do Porto, 37.143 metros cadrados en total. Igualmente, Ferrol incorporará ao seu patrimonio 33.443 metros cadrados de superficie na Cabana, espazo onde se atopan a estación de impulsión, o local da asociación de veciños, a igrexa, parte do paseo marítimo e un parque infantil.
Unha vez que se produza a cesión deses terreos ao Concello, a Autoridade Portuaria beneficiarase, durante un decenio, dunha exención de pago do convenio subscrito co Concello en materia de prevención e extinción de incendios. En aplicación deste acordo, o Porto vén abonando anualmente ás arcas locais, mediante compras de material ou ben en efectivo, uns 80.000 euros, a cambio dos cales os bombeiros da cidade responden a incidencias nas súas instalacións.
Con este acordo, ademais, o Concello e o Porto poñen fin aos seus desencontros en relación coas taxas concesionais da Malata.
Este convenio supón un estreitamento de lazos entre dúas das principais institucións da cidade. Ademais, acaba cunha situación anómala como é o feito de que a Autoridade Portuaria manteña hoxe a propiedade de terreos que, por mor da evolución das necesidades operativas dos tráficos marítimos, quedaron en desuso ou ben perderon a súa función orixinal para converterse en estradas ou parcelas de aproveitamento social e deportivo.
En rolda de prensa conxunta, Vilariño e Mato presentaron esta mañá o acordo. O presidente da Autoridade Portuaria cualificou o pacto de “histórico” e manifestou: “Mañá é o día grande de Galicia e hoxe é un gran día para Ferrol. [...] Os bos acordos son aqueles nos que tódalas partes ceden para que gañe o colectivo. E hoxe, sen ningunha dúbida, gaña Ferrol”. “Nestes tempos de incertezas e tribulacións -abundou- os cidadáns non entenderían que as institucións, que as súas institucións, con independencia de quen as presidan, non camiñasen xuntas, non avanzasen da man como hoxe o estamos a facer aquí”. Tamén tivo palabras de agradecemento tanto para o seu equipo como para o rexedor.
Pola súa banda, o alcalde insistiu no valor desa vontade de chegar a acordos mencionada polo presidente da Autoridade Portuaria. “Cando todos intentamos ir da man, na mesma dirección, gaña Ferrol, gaña a cidadanía”, dixo. Mato entende que coa firma deste convenio o Porto cederá “unha superficie que xa non lle é útil e a cidade si necesita. De feito, leva décadas dándolle uso”. “Coincido contigo, presidente, en que este é un día histórico, polo contido do acordo e por como se chegou a el, sempre co mellor dos ánimos e en busca do ben de Ferrol”, concluíu Ángel Mato.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar