Novas

luns, 27 de xullo de 2020

O goberno local aproba o proxecto de rehabilitación da torre da batería baixa de San Felipe e adxudica a urbanización da rúa Basanta

Durante a comparecencia posterior á Xunta de Goberno desta mañá, Julián Reina enviou unha mensaxe de ánimo ao home que onte foi golpeado por varias rochas desprendidas do cantil da praia da Fragata e foi trasladado ao hospital


O goberno local aproba o proxecto de rehabilitación da torre da batería baixa de San Felipe e adxudica a urbanización da rúa Basanta

FERROL, 27 DE XULLO. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza ordinaria de hoxe o proxecto básico e de execución da rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo de San Felipe para usos expositivos e o deseño do contido expositivo ao abeiro do proxecto MMIAH para a recuperación e valorización do patrimonio marítimo, militar e industrial da Costa Atlántica. Así o anunciou o voceiro do goberno local, Julián Reina, durante a súa comparecencia posterior á reunión. Os traballos previstos nesta actuación inclúen o picado e encintado de cemento en fachadas, o picado e revocos de cal en mal estado nas bóvedas interiores, a eliminación de elementos descontextualizados (como as instalacións de saneamento na fachada), o desmontado da instalación eléctrica existente, a demolición de fábricas de ladrillos ou bloque descontextualizados, a limpeza dos muros de cantería, a execución da cuberta – con recrecido, lámina impermeabilizante e acabado con lousas de granito–, a colocación de carpintería de iroko en portas e vidro fixo nas fiestras, a colocación de elementos expositivos (caixóns de soporte de maquetas e paneis retroiluminados), instalación eléctrica e dotación de elementos de loita contra incendios. O orzamento co que contarán estes traballos é de 99.999,99 euros (IVE incluído), e o seu prazo previsto de execución, catro meses. Reina detallou que esta iniciativa conxunta das concellerías de Patrimonio e de Patrimonio Histórico, que dirixen respectivamente María Teresa Deus e Eva Martínez Montero, “xa conta con todos os informes técnicos” e que a licitación da obra é inminente. O concelleiro informou tamén de que a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da segunda fase das obras de urbanización da rúa Basanta, incluídas no Plan Único de Concellos POS 2019, á empresa Ogmios Proyecto na cantidade de 421.160,36 euros (IVE incluído), o que implica unha redución de 104.747,64 sobre o orzamento base de licitación, que era de 525.908. Esta actuación terá unha garantía de cinco anos, cun incremento de catro sobre o recollido nos pregos de contratación. O prazo de execución establécese en seis meses. A segunda fase dos traballos de urbanización da rúa Basanta ten como obxectivo ampliar unha vía que nalgúns puntos non ten máis de catro metros de ancho, e que agora pasará a ter unha plataforma de 14, incluíndo dous carrís de 2,80, dúas bandas de estacionamento de 2,20 e sendas beirarrúas de 2 metros. O tramo ao que afecta esta actuación supera o medio quilómetro de lonxitude. “En poucos días firmaremos o contrato que permitirá iniciar a obra”, asegurou Reina. Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou a prórroga por un ano do servizo de roza e limpeza de vías da zona rural, “co fin de que se sigan realizando estes traballos da mellor forma posible”, e, por último, aprobouse a licitación de subministro de diverso material de oficina para que se inicie o procedimiento “canto antes”. Julián Reina avanzou que na comisión informativa do vindeiro mércores tratarase cos grupos políticos a licitación do “ansiado e esperado” contrato de zonas verdes e xardíns. Durante esa reunión, o goberno local quere aclarar todas as dúbidas e cuestións que formulen os grupos políticos para axilizar a necesaria renovación deste servizo. Lembrou, por outra parte, que no pleno do próximo xoves someterase á aprobación da corporación o expediente de contratación do novo servizo de axuda no fogar, para o que, dixo o concelleiro, “queremos contar co apoio de todos os grupos políticos”. Finalmente, Reina trasladou unha mensaxe de ánimo ao home que onte sufriu un accidente na praia da Fragata, ao ser golpeado por varias rochas que se desprenderon dos cantís. O concelleiro explicou que o Concello vai tratar coa Demarcación de Costas medidas para evitar que se repitan “desgrazas” coma esta. Para iso, estanse estudando “distintos exemplos” do que se está a facer en lugares con características similares. O edil explicou que calquera iniciativa debe implementarse coa debida prudencia e tamén apelou á prudencia dos usuarios do areal, xa a costa neste lugar ten unhas condicións naturais que supoñen certos niveis de perigosidade.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar