Novas

mércores, 02 de setembro de 2020

O alcalde destaca que a edición “máis discreta” das Meninas “recupera a súa esencia”

Esta mañá presentouse diante do edificio de oito plantas no que se está a pintar unha obra de gran formato a cita co arte, que un ano mais “reivindica a feminidade e o poder da cultura para facer mellores as cidades”, dixo Ángel Mato


O alcalde destaca que a edición “máis discreta” das Meninas “recupera a súa esencia”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá unha nova edición das Meninas de Canido. O acto tivo lugar fronte á fachada dun edificio de oito plantas na que se está a pintar unha das cinco obras de gran formato deste ano e contou coa presencia do concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, a de Turismo, María Teresa Deus, e o de Urbanismo, Julián Reina. 


Mato sinalou que o festival, que terá lugar os días 4, 5 e 6 de setembro, “xa se converteu nun dos grandes embaixadores da cidade a nivel nacional e internacional”, unha cita que para Canido supuxo, entre outras cousas, “a dinamización do barrio”. O alcalde sinalou que este ano, por mor da pandemia da covid-19, celebrarase unha edición na súa “vertente máis discreta” que “recupera a súa esencia, a reivindicación da rexeneración urbana”. Neste senso, puntualizou que aínda que a cita transcorre esta fin de semana, marcada pola pandemia, “as pinturas permanecerán no tempo”, polo que ao longo de todo o ano, con calma e respectando as medidas de seguridade, “gozaremos das obras dos artistas”. Un ano máis, lembrou, as Meninas reivindican “a feminidade e o poder da cultura e do arte para facer mellores as cidades”. 

Por último, o alcalde insistiu en que, como non podía ser doutro modo, as Meninas levaranse a cabo “cumprindo todas as medidas de seguridade” e agradeceu á cidadanía o seu comportamento nesta situación excepcional. 

Pola súa banda, o artista Eduardo Hermida, organizador do evento, agradeceu o apoio do Concello de Ferrol e tamén dos veciños. Na súa comparecencia explicou que a pesar da situación xerada pola covid-19 esta edición “é a nosa mellor forma de contribuír a que a cultura non se deteña”. É unha “mirada ao futuro” que se cimenta “no seu orixe reivindicativo” co que se iniciou o proxecto, no ano 2008. Apuntou tamén que a edición deste ano conta con ao redor de 40 artistas de primeiro nivel do arte urbano —25 deles para obras de medio ou gran formato— e agradeceu o apoio aos patrocinadores deste ano: 1906, Rilo e Loop. José Rilo González-Vallés, pola súa banda, felicitou aos participantes e aplaudiu que se de continuidade á iniciativa.

Exposición fotográfica de Xurxo Lobato 
Hermida explicou que de forma paralela ás Meninas este ano será Felipe Senén quen se converta nun personaxe velezquiano no marco da exposición fotográfica de Xurxo Lobato, na que diferentes persoas da cultura galega se transforman nun cadro de Velázquez. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar