Novas

mércores, 02 de setembro de 2020

Julián Reina traslada á oposición os detalles dos traballos en marcha en Recimil, Basanta e O Bertón

O concelleiro Julián Reina presidiu esta maña a comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación


O concelleiro de Urbanismo e Infraestructuras, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, Centro de Recursos Informáticos e Organización Interna, Julián Reina, presidiu esta mañá no pazo municipal a comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación. Durante a sesión de hoxe, o edil comunicou á oposición os detalles da marcha dos traballos de varios proxectos que o Concello está a executar na cidade, como é o caso das envolventes de Recimil (rúas Ares e Betanzos), a reurbanización da rúa Basanta así como do plan de mantemento e conservación dos espazos verdes do Bertón, o Montón e do centro cultural Torrente Ballester, que deu comezo esta mesma semana. 


De igual modo, Reina trasladou aos representantes dos grupos da oposición a documentación referente a ditas actuacións na liña de “manter a transparencia da nosa xestión”, puntualizou o edil. “O principal obxectivo deste equipo de goberno é acondicionar a nosa cidade tal e como merece, ese é o camiño que estamos a percorrer” e así o trasladou esta mañá na comisión informativa. 

O concelleiro tamén compartiu cos grupos municipais os datos relativos ao número de chamadas recibidas no mes de agosto na central do pazo municipal. Recibíronse 5.884, das que 2.331 resolvéronse de forma directa. 

Proxectos en marcha 
Reina comunicou que os traballos de rehabilitación de envolventes dos bloques 1 e 2 da rúa Ares comezaron o pasado mes de agosto e teñen un prazo de execución de tres meses e supoñen para o Concello dar continuidade á recuperación do barrio de Recimil, ao que se destinaron boa parte dos investimentos financeiramente sostibles deste ano. Foron adxudicados por 282.885,50 euros (IVE incluído) e van supoñer unha importante mellora nos bloques de vivendas aos que afectan. Complementarán aos xa acometidos nas rúas 10 de Marzal e Narón, así como aos da rúa Betanzos, que comezaron en xullo. Para o futuro, significarán tamén unha drástica redución dos labores de mantemento nos edificios. 

Pola súa banda, Reina comunicou que esta mesma semana comezaron as obras da segunda fase de reurbanización da rúa Basanta, cun prazo de execución de seis meses. Os traballos foron adxudicados por 421.160, 36 euros (IVE incluído). Esta intervención ten como obxectivo ampliar unha vía que nalgúns puntos non ten máis de catro metros de ancho, e que agora pasará a ter unha plataforma de 14, incluíndo dous carrís de 2,80, dúas bandas de estacionamento de 2,20 e sendas beirarrúas de 2 metros. O tramo afectado supera o medio quilómetro de lonxitude. 

Por último, Reina informou tamén do inicio o pasado luns do plan de conservación e mantemento dos espazos verdes do Berton, o Montón e do centro cultural Torrente Ballester, unha actuación adxudicada por un importe total de 13.471,92 euros. O edil visitou o luns os traballos na zona do Bertón, onda xa traballan varios operarios.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar