Novas

xoves, 03 de setembro de 2020

O Concello amplía o número de monitores no servizo de comedor escolar

O alcalde, Ángel Mato, explicou que a concellería de Educación, que dirixe Antonio Golpe, garante ao menos dous responsables por centro á marxe do número de comensais anotados, e partir de aí aumentarase o persoal en función do volume de usuarios. A empresa responsable do servizo e a Administración local elaboraron un protocolo de actuación de cara ao inicio do curso


O Concello amplía o número de monitores no servizo de comedor escolar

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciou esta mañá que o Concello de Ferrol, a través da concellería de Educación, que dirixe Antonio Golpe, vén de rematar un protocolo de actuación xunto coa empresa adxudicataria do servizo de comedor dos CEIP de cara ao inicio do próximo curso.


No marco das indicacións da Xunta, o novo protocolo “específico” garante desde o primeiro día lectivo o cumprimento do establecido polo Goberno autonómico nos comedores e recolle, ademais, medidas para que se leve a cabo coas maiores garantías de seguridade, como é o reforzo do persoal nos comedores. 

Deste modo, anunciou Mato, para o curso escolar que vai comezar, o Concello “vai incrementar o número de monitores nos comedores escolares para garantir que ao menos dous responsables atenden o servizo de xantar e almorzo á marxe do número de comensais inscritos”. A partir de aí incrementarase o persoal en función do volume de alumnos usuarios do comedor. Dita medida permitirá atender calquera indisposición que poidera acontecer co alumnado. 

O alcalde explicou que aínda o servizo de comedor remata ás 15.30 horas “abriremos a posibilidade de que os nenos permanezan no centro ata as 16 horas se así o necesitan as familias” tendo en conta que non haberá actividades extraescolares. Mato apuntou que a aposta do goberno local “é poñer todos os nosos medios para xestionar os comedores dos centros escolares da forma máis segura posible sen custo algún para as familias” e deste modo “protexer aos escolares na súa volta ás aulas”.  

Traballo conxunto coas direccións dos centros
 O Concello vén traballando coas direccións dos CEIP desde hai dous meses a través de cuestionarios individuais sobre necesidades e intereses así como dos espazos que cada centro posúe para servir os almorzos e xantares ademais dos propios comedores, co obxecto de contar con espazos e distancias suficientes para prestar os servizos, tal e como explicou Golpe. A partir destes datos, a concellería de Educación levou a cabo varias vídeo-reunións técnicas coas direccións dos centros e coa empresa responsable do servizo de comedores. A nosa vontade “é que o comedor ofreza a máxima seguridade para o alumnado e que sirva de apoio ás familias”, dixo o concelleiro. “A protección dos nosos escolares é un asunto de gran dedicación para este equipo de goberno”, lembrou Golpe.

Sen incremento no prezo para as familias 
Aínda téndose incrementado o prezo do servizo de comedor, dito aumento non repercutirá no gasto das familias e manteranse os prezos do curso 2019-2020. Será o Concello de Ferrol quen asuma os custos restantes. Neste senso, dixo Mato, “non é momento de escatimar esforzos, e será o Concello quen asuma o incremento. Entendemos que as familias xa está atravesando unha difícil situación”. Ademais, diariamente analizarase as necesidades dos monitores en función do número de alumnado usuario, explicou Golpe. 

O concelleiro tamén apuntou que haberá “permanente” atención ao alumnado nas medidas de hixiene e utilización de xel hidroalcohólico ao comezo e durante o servizo de comedor e cada alumno dispoñerá do seu espazo fixado tendo en conta os criterios de organización establecidos polas direccións para os comedores grazas á reserva e utilización do comedor por usuarios fixos e non esporádicos. Neste senso, o protocolo elaborado polo Concello e a empresa adxudicataria recolle que os grupos de usuarios dos servizos serán estables, polo que non se contempla a utilización do comedor en modalidade esporádica, a contratación dos servizos será de días fixos. 

As entradas e saídas das salas de comedor serán escalonadas e dependendo do volume global de usuarios contémplase o desdobre do servizo en dúas salas co fin de respectar as distancias esixidas entre alumnado e entre as mesas en todos os centros que as circunstancias o requiran con persoal diferente e especifico para atender cada sala. 

O protocolo tamén recolle que todos os usuarios garantirán a hixiene e a desinfección mediante o uso de xel hidroalcohólico. Realizarase ao comezo de cada servizo e tantas veces ao longo do mesmo como o persoal do centro considere necesario. 

Limpeza e desinfección dos comedores 
Os usuarios dos comedores escolares poderán prescindir da máscara de uso obrigatorio exclusivamente no momento da inxesta dos alimentos. Unha vez finalizado o tempo previsto para almorzar ou comer, volverán poñela de novo. Este uso tamén será obrigatorio se algún usuario ten que levantarse do seu sitio asignado. Pola súa banda, o persoal encargado do servizo non poderá retirarse en ningún momento a máscara de uso obrigatorio. Será dito persoal o encargado de limpar e desinfectar as instalacións empregadas para xantar e almorzar utilizando produtos adecuados e indicados polas autoridades. 

Unha vez rematado o tempo da comida, non se contempla a realización de actividades grupais e poderase contemplar o uso de instalacións ao aire libre sempre baixo as indicacións de cada centro educativo e respectando os mesmos espazos dos que os usuarios fan uso durante o horario escolar.

Prazo aberto para inscribirse 
Xa está aberto o prazo para que as familias soliciten praza para os seus fillos, tanto para xantar como para o almorzo. Ata as 23.59 horas do día 4 de setembro poderán presentar as súas inscricións directamente á empresa responsable do servizo a través do correo electrónico galicia@serunion.elior.com. O teléfono de atención ás familias é 630 363 844. 

Calquera nova alta posterior ao inicio do curso terá que realizarse por parte das familias con polo menos 72 horas de antelación á utilización do servizo. Neste senso, e tendo en conta a actual situación de excepcionalidade, “na xestión dos comedores non hai lugar para a improvisación”, explicou o edil. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar