Novas

xoves, 03 de setembro de 2020

O Concello e a UDC firmarán un convenio de colaboración para a posta en marcha dun servizo de atención podolóxica para persoas sen teito e en exclusión social

O alcalde, Ángel Mato, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, rubricarán o documento nos próximos días, polo que se beneficiarán ata 70 persoas ao ano


O Concello e a UDC firmarán un convenio de colaboración para a posta en marcha dun servizo de atención podolóxica para persoas sen teito e en exclusión social

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presidiu esta mañá no pazo municipal a comisión ordinaria de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico, na que se deu conta aos grupos da oposición do convenio de colaboración que o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Albalde, firmarán nos próximos días para a asistencia na Clínica Universitaria de Podoloxía (CUP) ás persoas sen fogar e en exclusión social. As súas instalación atópanse no antigo Hospital Naval.


Tal e como explicou a concelleira, o Concello destinará a dito convenio unha cantidade de 5.000 euros ao ano. A atención consistirá nunha asistencia integral podolóxica dos pacientes derivados dos servizos sociais do Concello e cun límite máximo por curso de 70 pacientes. 

A atención podolóxica integral incluirá servizos de quiropodoloxía, ciruxía podolóxica, exploración e biomecánica, ortopodoloxía e pé de risco. O convenio de colaboración terá vixencia no curso académico 2020-2021, se ben poderá ser prorrogado por mutuo acordo das partes ata dous cursos académicos máis. 

Martínez Montero manifestou a “boa disposición da UDC para traballar de forma conxunta co Concello de Ferrol na posta en marcha deste servizo”, que dará comezo a finais de setembro. A edil explicou que dita iniciativa ten dous vertentes. Por unha banda, “facilitar o acceso a un recurso sanitaria que non é menor, sobre todo para as persoas vulnerables e, por outra, recoñece a unha escola que é un referente galego”. Durante a comisión, Martínez Montero tamén deu conta do listado definitivo das axudas de escolarización e becas de comedor para o próximo curso escolar. 

Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, deu conta na comisión da incorporación o pasado martes de seis mulleres ao persoal do Concello a través da subvención da Secretaría de Igualdade de preto de 176.000 euros para o fomento e contratación de seis mulleres en situación de vulnerabilidade por un período de un ano. Son dous técnicos, tres conserxes e un auxiliar administrativo. Prados indicou que “nos satisfai moito” que este tipo de axudas á contratación “contribúan a dar saída laboral a mulleres incrementando ou seu currículo profesional”. Supoñen, dixo, “un respiro nestes momentos tan difíciles e críticos pola pandemia da covid-19”. Prados tamén informou da recente firma do convenio de colaboración co Padroado Concepción Arenal, de 21.000 euros, para o mantemento da vivenda para persoas vulnerables.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar