Novas

xoves, 03 de setembro de 2020

O Concello firma un convenio de colaboración con Alvixe de 2.500 euros

A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, explicou que se trata da primeira vez que a entidade recibe unha subvención municipal


O Concello firma un convenio de colaboración con Alvixe de 2.500 euros

A concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, e a presidenta de Alvixe (asociación de loita contra a violencia de xénero), Paloma Rodríguez, firmaron esta mañá no pazo municipal un convenio de colaboración por un importe de 2.500 euros para o financiamento de programas de sensibilización dirixidos a vítimas de violencia de xénero. Esta subvención atópase incluida no anexo de subvencións nominativas para o ano 2020 aprobado polo pleno o pasado 27 de abril de 2020. 


Tal e como explicou a concelleira, “é a primeira vez que o Concello de Ferrol firma un convenio de colaboración coa asociación Alvixe”, unha entidade que xurdiu da unión de mulleres vítimas de violencia de xénero participantes nas reunións do programa Conversas, que se imparte na Casa da Muller de Ferrol. A edil aplaudiu o labor da entidade e agradeceu “o seu compromiso coas mulleres”. 

Pola súa banda, Rodríguez expresou o seu agradecemento ao Concello de Ferrol pola súa aportación económica e lembrou que a entidade poñe a disposición das mulleres o número de teléfono 633 840 016, que atende chamadas de luns a domingo de 10 a 22 horas. A presidenta da entidade sinalou a “difícil situación” pola que pasaron as vítimas durante o estado de alarma e explicou que a axuda municipal estará destinada a proxectos de formación e asesoramento a mulleres e de concienciación en centros escolares. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar