Novas

venres, 04 de setembro de 2020

O Concello propón aos establecementos de ocio nocturno complementar a súa actividade coa de café bar para poder abrir no horario permitido

Julián Reina, concelleiro de Urbanismo e Infraestructuras, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, firmou hoxe un edicto que anuncia unha fórmula que permite “apoiar ao noso tecido económico” e “evitar a destrución do emprego”


O Concello propón aos establecementos de ocio nocturno complementar a súa actividade coa de café bar para poder abrir no horario permitido

O concelleiro de Urbanismo e Infraestructuras, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina, vén de firmar un edicto polo que o Concello de Ferrol, a través da concellería de Urbanismo, propón aos propietarios dos establecementos de ocio nocturno a posibilidade de manter a súa actividade e complementala coa de café bar mentres dure a orde de peche do lecer nocturno para que poidan abrir os seus negocios no horario permitido, ata a unha da mañá. O edil explicou que o seu equipo técnico avanzou esta mesma semana nesta fórmula co obxectivo de “manter o noso apoio á economía local e protexer os postos de traballo” tras o peche do ocio nocturno. Reina anunciou que os establecementos que soliciten no departamento municipal de Urbanismo acollerse a dita opción deberán presentar unha declaración responsable ad hoc acompañada da documentación que require a solicitude. 


Reina explicou que durante a reunión que mantivo co seu equipo técnico o pasado mércores analizouse esta opción, unha fórmula “máis eficaz” que o cambio directo de licencia de unha actividade a outra. Con esta nova alternativa “tratamos de solventar as complicacións que se poderían xerar aos hostaleiros cando tivesen que volver á normalidade e retomar a súa actividade de ocio nocturno”.

Sen coste para os propietarios dos negocios 
Esta nova opción, explicou Reina, non supoñerá custo algún para os hostaleiros, un sector “que está a sufrir nos seus medios de vida os efectos da pandemia pola covid-19”. Para aclarar todas as dúbidas previas á presentación da solicitude os interesados poden enviar as súas consultas ao correo electrónico actividades.urbanismo@ferrol.es e coñecer deste modo se lle compensa a modificación. Dende a concellería de Urbanismo, dixo, sempre segundo á normativa “e priorizando sempre a seguridade pública dos nosos veciños, imos analizado esta posibilidade para que os hostaleiros non teñan que pechar os seus negocios”. 

O concelleiro explicou que “a vontade do Concello, a Administración máis próxima á cidadanía, é acompañar aos autónomos e pequenas empresas” da cidade. “Temos a obrigación de traballar para evitar a destrución de emprego na nosa cidade”, dixo. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar