Novas

domingo, 06 de setembro de 2020

Ferrol opta a case 100.000 euros en axudas do Goberno para paliar os danos causados polos temporais

A ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, anunciou hoxe no pazo municipal, durante a súa primeira visita oficial a unha cidade galega, a apertura da convocatoria, que contempla cubrir o 50 % do importe das reparacións. O alcalde, Ángel Mato, agradeceulle a o apoio do Estado ao Concello durante a pandemia, defendeu a colaboración entre Administracións “para avanzar como país” e solicitou á Xunta que traballe da man das entidades locais no inicio do curso escolar


Ferrol opta a case 100.000 euros en axudas do Goberno para paliar os danos causados polos temporais

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu esta mañá no pazo municipal á ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, na que foi a súa primeira visita oficial a unha cidade galega. Mato, Darias e o delegado deo Goberno, Javier Losada, mantiveron unha reunión de traballo durante a que trataron diversos temas de interese para Ferrol e a continuación tiveron lugar a recepción oficial e o encontro cos voceiros dos grupos municipais. O acto concluíu coa firma da ministra no Libro de Ouro, o intercambio de agasallos co alcalde e a posterior comparecencia de ambos, durante a que o rexedor lle agradeceu a Darias que chegara a Ferrol “cos deberes feitos”, en referencia ao anuncio que faría a continuación. 


Ángel Mato destacou a lealdade institucional e a vontade de diálogo que vén demostrando Darias dende que asumiu o cargo e insistiu en varias ocasións en que a colaboración entre as distintas administracións é imprescindible máis que nunca. Por ese motivo, aplaudiu a resposta do Goberno ante a crise sanitaria, en momentos “moi difíciles”, e agradeceu que Ferrol recibiu axuda do Estado en todo momento, dende unha empresa pública como Navantia, que facilitou equipos de protección ao inicio da epidemia, como dende a Delegación do Goberno, dende o Ministerio de Fomento ou dende a Armada. Grazas a iso, dixo, foi posible, por exemplo, poñer en funcionamento un albergue para persoas sen teito durante o estado de alarma. 

“Só co esforzo coordinado entre Administracións podemos avanzar como país”, asegurou o alcalde, que aproveitou a formación dun novo Goberno galego para solicitarlle tamén a súa colaboración cos concellos, neste momento especialmente en cuestións coma o inicio do curso escolar dun xeito seguro. 

Pola súa banda, Carolina Darias agradeceulle á corporación, ao alcalde e aos voceiros de PSOE, PP, FeC e BNG o seu recibimento para, de seguido, dicir que é nos municipios “onde se asenta a convivencia” e que, así, a cogobernanza débese construír tamén tendo en conta ás entidades locais. O “camiño da normalidade”, asegurou, é o do contacto “permanente e directo” co mundo local porque esa é “a maneira de coñecer de cerca as realidades e as problemáticas” da cidadanía. 

Darias explicou que a súa visita a Ferrol obedecía a dous motivos. Un, pór de manifesto a preocupación polas entidades locais e “recoñecer o gran traballo” que realizaron para responder á pandemia, porque, ademáis, “as entidades locais teñen un papel fundamental na nova realidade”.

 O outro motivo era dar a coñecO outro motivo era dar a coñecer que o real decreto 778/2020, aprobado o pasado 25 de agosto, vai ampliar a resposta do Goberno ás catástrofes naturais ocorridas nos últimos meses. Esta medida amplía o Real Decreto-lei 11/2019, de xeito que o Estado aportará 113 millóns de euros para paliar os efectos de ditas catástrofes, entre as que agora se inclúen os temporais Cecilia, Daniel, Elsa e Fabien, que durante o pasado inverno deixaron numerosos desperfectos en diversos municipios. 

A ministra anunciou esta mañá durante a súa comparacencia que en poucas semanas se vai abrir a convocatoria destas axudas, que cuibrirán o 50 % do custe das reparacións. O Concello de Ferrol ten xustificados ata o momento danos por 191.045,42 euros (aínda se poderían incluír máis), o que suporía unha aportación estatal de 95.522,71 euros para levar a cabo as reparacións. Serían as seguintes: redes de alumbrado público, pabillón de Santa Mariña, cuberta do estadio da Malata, talude do parque infantil de Doniños, instalacións náuticas da nave da Cabana, polideportivo da Malata, polideportivo Javier Gómez Noya, FIMO, piscina da Malata e desbordamento de auga en camiños municipais. 

Tras a comparecencia ante os medios, o alcalde, a ministra e o delegado do Goberno fixeron un breve percorrido polo centro da cidade e desplazáronse ata o barrio de Canido para visitar algúns dos lugares nos que estes días os artistas están realizando as súas obras.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar