Novas

luns, 07 de setembro de 2020

O Concello iniciará esta semana a mellora do aglomerado da Avenida do Mar

O voceiro municipal, Julián Reina, explicou esta mañá tras a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local que o orzamento da intervención de Caranza roza os 150.000 euros. O edil manifestou a súa satisfacción pola visita institucional onte ao Concello de Ferrol da ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, quen anunciou axudas para afrontar os danos polos temporais do inverno


O Concello iniciará esta semana a mellora do aglomerado da Avenida do Mar

O voceiro municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá na rolda de prensa posterior á celebración da Xunta de Goberno Local que o Concello vai iniciar esta mesma semana as obras de reparación do aglomerado da avenida do Mar, no barrio de Caranza. O proxecto, que afecta ao redor de dous kilómetros de vía, adxudicouse por 149.900 euros. 


Os traballos inclúen a pavimentación e asfaltado dunha das arterias máis transitadas da cidade. Teñen como obxectivo o reforzo do firme, desde o cruce da glorieta á música coa rúa Tellerías e a avenida Castelao, ata o acceso á avenida das Pías, e mellorar a sinalización da vía. O prazo de execución é de dous meses.

Acondicionamento dunha vía de Brión e avances en Fontelonga 
Reina tamén anunciou que a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá acordou aprobar o expediente de contratación administrativa do aglomerado de tramo en estrada Brión-Liñares-Martín-Espiño incluída no POS Adicional 2017 e que recolle o pavimentado do camiño mediante mestura bituminosa continua en quente, de 6 cm de espesor, sobre o firme xa existente —actualmente moi deteriorado—, a limpeza da súa superficie, a reparación de fochancas, o saneamento do firme, a formación e perfilado das cunetas e a sinalización vertical e horizontal. A intervención no camiño, na parroquia de Santa María de Brión, afecta a unha superficie de 3.002 metros cadrados e a unha lonxitude de 806 metros. 

O voceiro municipal explicou que se trata dunha vía “transitada principalmente por vehículos lixeiros que acceden á zona, polo que a súa reparación resulta prioritaria para atender así ás necesidades dos veciños”, e apuntou que o prazo de execución é de un mes. Dito proxecto complementará a intervención noutro tramo da mesma vía e incluído no POS+2018. O Concello de Ferrol publicou a pasada semana no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o aglomerado deste segundo tramo da vía Brión-Liñares-Martín-Espiño, cunha lonxitude de 2.407 metros e un ancho medio de 5,5 metros. O prazo de execución dos traballos é de 13 semanas. Poderanse presentar ofertas ata as 23.59 horas do próximo 21 de setembro. 

Con ditas actuacións, explicou Reina, o Concello segue “xirando a máquina do investimento en obra pública” e, polo tanto, “segue colaborando á reactivación da economía local da nosa cidade”. Reina tamén anunciou que ao longo desta semana visitará de novo o parque Fontelonga, no barrio Caranza, para avanzar na definición do “mellor proxecto para a zona”.

Remate das Meninas de Canido 2020 
O voceiro municipal tamén fixo referencia á visita institucional de onte da ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, quen anunciou en Ferrol axudas económicas para que os concellos afronten os danos provocados polos temporais do pasado inverno. “É unha moi boa noticia para nosa cidade”, dixo Reina. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e varios membros do goberno local acompañaron á ministra a visitar a edición 2020 das Meninas de Canido, que rematou onte. O voceiro resaltou que o festival levouse a cabo cumprindo as medidas de seguridade que impón a situación xerada pola covid-19.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar