Novas

luns, 07 de setembro de 2020

O Concello inicia a formación do programa Ferrol Cidade Inclusiva

Hoxe mesmo comezou o curso Preparación para Competencias Clave, o primeiro dos que se impartirán no marco dun proxecto de emerxencia do que se beneficiarán 67 persoas. Xa está en marcha tamén o programa Ferrol Acolle, coa creación de grupos e a selección de participantes, outros 25


O Concello de Ferrol iniciou hoxe mesmo o primeiro dos cursos formativos do programa Ferrol Cidade Inclusiva, un dos dous proxectos de emerxencia e inclusión social nos que as concellerías de Benestar Social e de Emprego, dirixidas respectivamente por Eva Martínez Montero e María Teresa Deus, veñen traballando desde hai tempo.


No día de onte comezou o curso Preparación para Competencias Clave, con 7 participantes, o máximo que permite o protocolo covid-19. O curso permitirá aos integrantes que se preparen para, unha vez rematado, poidan acceder a unha formación máis especializada. O curso, que se imparte na Casa da Muller, rematará a mediados de novembro. En total, serán 67 persoas perceptores da Risga ou familiares os que se beneficien do programa Ferrol Cidade Inclusiva, que, ademáis da inserción laboral, tamén ten como obxectivo o acompañamento destas persoas para que melloren a súa situación social. 

O programa Ferrol Cidade Inclusiva inclúe outros cursos formativos, tamén co fin de facilitar o acceso ao emprego. No mes de outubro celebraranse no salón de actos do Edificio Social outros dous: Alfabetización Dixital e Prevención de Riscos Laborais. Na actualidade, tal e como explicou Martínez Montero, estase a levar a cabo a selección do alumnado. Unha vez rematados estes tres cursos comezará a formación especializada.  

En marcha a selección de persoal para Ferrol Acolle 
O segundo programa posto en marcha polo Concello de Ferrol co fin de colaborar coa inserción social é Ferrol Acolle, do que se beneficiarán outras 25 persoas. Neste momento se está a preparar os grupos dos cursos, que comezarán no mes de outubro. A pesar de compartir o obxectivo de colaborar á integración social, este segundo programa presta especial atención á transición á vivenda. 

A concelleira de Benestar solicita tres meses máis 
Tras o parón que supuxo o decreto de estado de alarma pola covid-19, as concellerías de Benestar Social e Emprego retomaron a inicios de xuño estes dous programas de emerxencia e inclusión social que se tramitaron con cargo ao Fondo Social Europeo a través da Administración autonómica, e para os que o Concello de Ferrol conseguiu a principios de ano unha subvención de preto de 300.000 euros, o 100 % do financiamento. 

Neste senso, Martínez Montero vén de remitir un escrito á Dirección Xeral de Inclusión Social da Xunta solicitando a ampliación dos programas por un prazo de tres meses por o parón que supuxo o confinamento. Martínez, quen destacou a importancia deste tipo de programas para a inserción social de colectivos tan vulnerables como os perceptores da Risga ou aquelas persoas sen teito, lembrou que todos os programas de todas as administracións contan con prórroga pola declaración do estado de alarma, que neste caso de Ferrol “supuxo a suspensión dos tribunais de selección do persoal técnico ata mediados de maio”. “Non se entendería”, dixo, “que a Xunta non outorgase esta prórroga, especialmente necesaria nestes tempos de profunda crise social pola pandemia”, manifestou a concelleira. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar