Novas

martes, 08 de setembro de 2020

O Concello activa un servizo para realizar a compra de alimentos e medicamentos a persoas en corentena

As concellerías de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, e de Benestar Social, da que é titular Eva Martínez Montero, coordinan un protocolo de actuación para a posta en marcha dunha campaña que busca apoiar e facilitar o día a día de persoas en situación de vulnerabilidade que teñen que estar illadas e non teñen apoio familiar


O Concello activa un servizo para realizar a compra de alimentos e medicamentos a persoas en corentena

O Concello de Ferrol vén de activar un servizo municipal para realizar a compra de alimentos e de medicamentos ás persoas en situación de vulnerabilidade en corentena pola covid-19 que non dipoñen dunha red familiar próxima que poida axudar. 


Trátase dunha campaña coordinada entre as concellerías de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, e a de Seguridade, da que é titular Germán Costoya. Para a súa posta en marcha ambos departamentos elaboraron un protocolo de actuación co obxectivo de desenvolver a prestación do servizo segundo todas as medidas de seguridade establecidas nos protocolos covid. É o Sergas, explica a edil Martínez Montero, quen notifica aos servizos sociais municipais a relación das persoas susceptibles desta axuda. 

A campaña, coordinada entre os servizos sociais municipais e Protección Civil, púxose en marcha o 28 de agosto co fin de “facilitar o día a día das persoas illadas” e como “apoio nas súas necesidades básicas, como é a alimentación e a subministración de medicamentos”, sinala a edil. Desde entón realizáronse máis dunha decena de intervencións entre compras de comida e medicinas e o seu posterior traslado ao domicilio. Pola súa banda, o concelleiro responsable de Seguridade apuntou que esta campaña responde á “firme” vontade do Concello de Ferrol de “protexer aos nosos veciños”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar