Novas

martes, 08 de setembro de 2020

O xoves remata o prazo para solicitar as axudas para as actividades de reactivación e promoción económica do programa “Ferrol, Cidade Viva”

Poden tramitarse unicamente por medios electrónicos a través da sede electrónica do Concello ata as 23.59 h do 10 de setembro


O prazo para presentar solicitudes ás subvencións de actividades de reactivación e promoción económica do Concello de Ferrol para o ano 2020 no marco do programa “Ferrol, Cidade Viva” remata ás 23.59 horas do xoves, 10 de setembro. A presentación deberá realizarse unicamente a través da sede electrónica do Concello de Ferrol (https://www.ferrol.gal/Sede). No taboleiro de anuncios da web municipal (https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnuncios) están colgados os formularios de solicitude, xunto coas bases, a convocatoria e o extracto. 


O importe total das axudas é de 150.000 euros, dos que cada entidade poderá optar a un máximo de 25.000 para cubrir ata o 80 % do orzamento de gastos subvencionables. Están divididas en tres liñas: a primeira delas está destinada a actividades de dinamización da oferta comercial, hostaleira e dos mercados, co que se pretende estimular a compra no comercio local, a consolidación do sector hostaleiro e a súa revitalización e modernización a través de novas formas de venda e promoción, así como o apoio á revitalización dos mercados municipais como referente do comercio de proximidade. A segunda ten como obxectivo as actividades de promoción e comercialización das capturas pesqueiras e marisqueiras co obxecto de promover o produto autóctono, a súa distribución e o seu consumo local. Finalmente, a terceira liña dedícase a actividades de fomento do emprendemento, destinadas á promoción da cultura emprendedora, así como a formación e asesoramento de iniciativas emprendedoras. 

Entre os gastos subvencionables encóntranse os eventos, campañas e actividades dirixidas a promover ou incentivar o uso dos servizos dos sectores subvencionados, a dinamizar a oferta existente para fidelizar clientes, a apoiar as liñas de comercialización e promoción de produtos de calidade que permitan o seu asentamento no mercado local e á promoción de produtos ou eventos identificativos da zona e que contribúan á promoción económica e dinamización da cidade. Tamén se atopan os cursos de formación, xornadas, exposicións ou accións similares dirixidos a mellorar a calidade dos servizos e a formación dos profesionais. 

Do mesmo modo, serán subvencionables a edición de material promocional da cidade para o seu uso no comercio, a hostalería e os mercados, a edición de material de difusión das actividades (coma cartelería, publicidade, etcétera), os materiais funxibles precisos para a realización da actividade, os alugueiros de recursos e medios directamente relacionados co seu desenvolvemento e os gastos de xestión, organización e coordinación, cunha limitación de ata un máximo do 30 % do importe subvencionado.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar