Novas

martes, 08 de setembro de 2020

O Concello reparte as axudas á escolarización a partir de mañá no Edificio Social

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, firmou hoxe o decreto polo que se aproba a resolución definitiva dos 521 beneficiarios e dos 284 menores que obterán as axudas para comedor


O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, vén de anunciar que mañá mesmo comezará o reparto das axudas á escolarización, das que finalmente se beneficiarán 521 menores da cidade. Será de 9 a 14 horas no Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35) e segundo as medidas de seguridade que establece o protocolo covid. 


Tanto a listaxe definitiva das axudas á escolarización como as de comedor, das que se beneficiarán 284 menores, xa están publicadas na web municipal, no Taboleiro de Anuncios (https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/taboleiro/ListadoDefinitivo_LC2020%20(7).pdf). 

A contía da axuda á escolarización ascende a 95 euros por neno para a adquisición de material escolar, incluído o informático, ou roupa deportiva. Con elo, “buscamos dar resposta ás necesidades escolares do alumnado cuxas familias manifesten estar a ter dificultades económicas que lles impidan facer fronte aos gastos do inicio dun novo curso”, explicou a edil Martínez Montero. Pola súa banda, as axudas para comedor cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar