Novas

mércores, 09 de setembro de 2020

Julián Reina reúnese cos veciños de Ferrol Vello para avanzar nos temas de interese para o barrio

O concelleiro de Urbanismo e Infraestructuras, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación abordou asuntos como a iluminación da praza Vella, os avances na reurbanización da rúa Carmen Curuxeiras e o proxecto para a rúa Espartero. O edil anunciou ao representante veciñal que o Concello repartirá máscaras protectoras aos negocios do barrio


Julián Reina reúnese cos veciños de Ferrol Vello para avanzar nos temas de interese para o barrio

O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina, mantivo unha reunión co representante veciñais de Ferrol Vello, Manuel Zapata, para escoitar as súas demandas máis urxentes ao tempo que atender as súas necesidades. 


Durante o encontro abordaron asuntos como o reforzo da iluminación da praza Vella e a marcha dos traballos de reurbanización da rúa Carmen Curuxeiras, onde xa se completou a retirada das lousas históricas. Así, os tramos desta vía, Calatrava e Mercé que agora son de formigón pasarán a ser de pedra. Todas as instalacións, eléctricas, de telecomunicacións e de gas, serán soterradas e renovaranse as canalizacións do abastecemento de auga e dos sumidoiros. Está previsto que a iluminación existente sexa substituída por puntos de tecnoloxía LED sobre catenaria e o mobiliario urbano será renovado por completo.

En relación á reurbanización da rúa Espartero, entre San Antón e a estrada Alta do Porto, o edil informou ao representante veciñal dos avances na tramitación da licitación do proxecto, cuxo prazo para presentar propostas rematou onte mesmo. 

Inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello. No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada ao paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como Merced, Socorro, Conchas e Mártires. Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado. 

As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga. Tamén a reposición da rede de gas. Está prevista a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello. Para o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, esta intervención é “unha das rúas máis importantes do barrio histórico ferrolán” e vai contribuír de xeito significativo á rexeneración e á humanización dunha parte da cidade declarada área de rehabilitación integral (ARI) no 2001 e ben de interese cultural no 2011. 

Reina trasladou aos veciños que o orzamento do contrato é de 620.197,36 euros, dos que o 80 % (496.157,89) está previsto que se financien con fondos europeos e o 20 % (124.039,47) con cargo ás arcas municipais. O prazo de presentación de propostas rematará o próximo 9 de setembro, mentres que o de execución das obras unha vez se inicien os traballos é de seis meses. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar