Novas

mércores, 09 de setembro de 2020

O novo Consello Escolar de Ferrol aborda o inicio do próximo curso

O concelleiro tamén anunciou que o Concello vén de elaborar un plan para reforzar a limpeza e desinfección dos colexios, que se levará a cabo tanto pola mañá como pola tarde


O novo Consello Escolar de Ferrol aborda o inicio do próximo curso

O Concello de Ferrol constituíu onte o Consello Escolar, integrado por representantes dos grupos municipais, das asociación de veciños e da comunidade educativa. O concelleiro de Educación, Antonio Golpe, presidiu a sesión, na que se abordaron os asuntos de interese de cara ao inicio do curso. Tamén se estableceu que o novo organismo se reunirá ao menos cada tres meses, aínda que se celebrarán encontros de carácter extraordinario con motivo da situación xerada pola covid-19, tal e como explicou o edil. 


Na sesión de onte tratáronse as medidas adoptadas polo Concello de Ferrol de cara ao comezo das clases, como a posta en marcha de “comedores seguros”, detallou o edil. Neste senso, Golpe apuntou que o goberno local vai reforzar o persoal nos comedores dos CEIP de Ferrol co fin de “garantir que ao menos dous responsables atenden o servizo de xantar e almorzo á marxe do número de comensais inscritos”. A partir de aí incrementarase o persoal en función do volume de alumnos usuarios do comedor. Dita medida “permitirá atender calquera indisposición do alumnado”. Ademais, Golpe lembrou que aínda o servizo de comedor remata ás 15.30 horas, o Concello “abre a posibilidade de que os nenos permanezan no centro ata as 16 horas se así o necesitan as familias” tendo en conta que non haberá actividades extraescolares, ao menos ata xaneiro.

Elaboración dun protocolo específico para Ferrol 
Na sesión de onte, Golpe explicou que o Concello vén de elaborar un protocolo de actuación de cara ao inicio do curso en relación ao funcionamento dos comedores, no que se recolle, entre outros asuntos, que os usuarios poderán prescindir da máscara de uso obrigatorio exclusivamente no momento da inxesta dos alimentos. Unha vez finalizado o tempo previsto para almorzar ou comer, volverán poñela de novo. Este uso tamén será obrigatorio se algún usuario ten que levantarse do seu sitio asignado. Pola súa banda, o persoal encargado do servizo non poderá retirarse en ningún momento a máscara de uso obrigatorio. Será dito persoal o encargado de limpar e desinfectar as instalacións empregadas para xantar e almorzar. Golpe lembrou que aínda téndose incrementado o prezo do servizo de comedor, dito aumento non repercutirá no gasto das familias e manteranse os prezos do curso 2019-2020. Será o Concello de Ferrol quen asuma os custos restantes. 

O concelleiro trasladou aos integrantes do Consello que o traballo da consellería dos últimos meses, nos que se mantiveron reunións periódicas coas direccións dos centros, materializouse no protocolo elaborado polo Concello, no que se tivo en conta o deseñado pola Xunta, “que adaptamos e melloramos co fin de dar a mellor cobertura aos escolares dentro das nosas posibilidades e tendo en conta que as competencias en materia de Educación corresponden ao goberno autonómico”, explicou Golpe. 

Pendentes das accións do novo conselleiro e do Consello Escolar de Galicia
 Golpe anunciou tras o Consello Escolar de onte que o Concello está “moi pendente” das medidas que se adopten no Consello Escolar de Galicia, que se reúne hoxe mesmo. Tamén dos cambios que “se poidan determinar por parte do novo conselleiro de Educación”. Tamén apuntou que o Concello, a través da concellería de Educación, vén traballando coas direccións dos CEIP desde hai dous meses a través de cuestionarios individuais sobre as súas necesidades e intereses así como dos espazos que cada centro posúe para servir os almorzos e xantares ademais dos propios comedores, co obxecto de contar con distancia suficiente para prestar os servizos. A partir destes datos, o departamento de Educación levou a cabo varias vídeo-reunións técnicas coas direccións dos centros e coa empresa responsable do servizo de comedores. A nosa vontade “é establecer comedores seguros que ofrezan a máxima seguridade para o alumnado e que sirva de apoio ás familias”, dixo o concelleiro. “A protección dos nosos escolares é un asunto de gran dedicación para este equipo de goberno”, lembrou.

Reforzo da limpeza e desinfección nos centros escolares 
O Concello de Ferrol vén de elaborar un plan para reforzar os traballos de limpeza e desinfección dos centros escolares que garante que este servizo tamén estará operativo durante a mañá. Deste modo, reforzaranse os labores nos centros mediante a reorganización do servizo da empresa adxudicataria e activando a súa bolsa de horas. Dito plan proporciona traballos de limpeza e desinfección nas aulas tanto pola mañá como pola tarde. 

“A protección dos nosos escolares é a nosa máxima prioridade, este equipo de goberno está a poñer todos os medios dos que dispoñemos para proporcionar espazos seguros aos pequenos”, explicou o voceiro municipal, Julián Reina. Neste senso, o concelleiro de Educación lembrou que ante a situación “excepcional que estamos a vivir, como consecuencia da covid-19, as administracións locais necesitan medios excepcionais por parte da Xunta, administración competente en materia de Educación”.









Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar