Novas

xoves, 10 de setembro de 2020

O Concello saca a licitación o aglomerado dun tramo de estrada Brión

As propostas deberán presentarse de forma telemática antes das 23.59 horas do próximo 29 de setembro


O Concello de Ferrol publicou esta semana no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o anuncio de licitación electrónica do aglomerado dun tramo da estrada Brión-Liñares-Martín-Espiño, recollido no Plan de Obras e Servicios (POS + Adicional 2017). As propostas deberán presentarse de forma telemática antes das 23.59 horas do próximo 29 de setembro. O valor estimado do contrato é de 59.621,59 euros e a obra conta cun prazo de execución de un mes. A Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns acordou aprobar o expediente de contratación administrativa do proxecto, que recolle o pavimentado do camiño mediante mestura bituminosa continua en quente, de 6 cm de espesor, sobre o firme xa existente —actualmente moi deteriorado—, a limpeza da súa superficie, a reparación de fochancas, o saneamento do firme, a formación e perfilado das cunetas e a sinalización vertical e horizontal. A intervención no camiño, na parroquia de Santa María de Brión, afecta a unha superficie de 3.002 metros cadrados e a unha lonxitude de 806 metros. 


O voceiro municipal explicou que se trata dunha vía “moi transitada, polo que a súa reparación resulta prioritaria para atender as necesidades dos veciños”. Dito proxecto complementará a intervención noutro tramo da mesma vía e incluído no POS+2018. O Concello de Ferrol publicou a pasada semana no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o aglomerado deste segundo tramo da vía BriónLiñares-Martín-Espiño, cunha lonxitude de 2.407 metros e un ancho medio de 5,5 metros. O prazo de execución dos traballos é de 13 semanas. Poderanse presentar ofertas ata as 23.59 horas do próximo 21 de setembro.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar