Novas

xoves, 10 de setembro de 2020

Julián Reina reúnese cos veciños do Ensanche A para abordar a inclusión do barrio na ITE

O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación tamén tratou asuntos como a recente roza das inmediacións da pasarela de Santa Mariña e a dinamización das licencias de ascensores para vivendas


Julián Reina reúnese cos veciños do Ensanche A para abordar a inclusión do barrio na ITE

O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina, mantivo esta mesma semana unha reunión con representantes veciñais do Ensanche A para escoitar as súas demandas máis urxentes ao tempo que atender as súas necesidades. 


Durante o encontro, o edil e os veciños coincidiron na preocupación do “necesario mantemento dos edificios” do barrio, explicou Reina, polo que abordaron a posibilidade de incluír o Ensanche A no ámbito de actuación da Inspección Técnica de Edificios (ITE), que actualmente intervén en Esteiro, A Magdalena e Ferrol Vello. Tendo en conta a antigüidade dalgúns dos bloques do barrio, explica o edil, a concellería de Urbanismo “está analizando a posibilidade de ampliar as intervencións da ITE a este barrio”. De feito é un dos temas que onte mesmo se estudaron na reunión técnica que cada mércores celebra o seu departamento. 

Reina tamén trasladou aos veciños do Ensanche A a recente finalización dos traballos de roza nas inmediacións da pasarela de Santa Mariña e a vontade da concellería de Urbanismo de impulsar os procedementos que seguen as licencias para instalar ascensores nos edificios. Neste senso, o edil explicou que o Concello de Ferrol “manterá contacto periódico coa asociación de veciños do Ensanche A con fin de establecer unha coordinación fluída e directa que nos permita avanzar neste asunto”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar