Novas

xoves, 10 de setembro de 2020

O Concello firma un convenio de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridad por un importe de 48.000 euros, 18.000 máis que o pasado ano

O alcalde, Ángel Mato, e o presidente da entidade que xestiona o albergue Pardo de Atín, Alberto Lens, rubricaron esta mañá o documento no salón de plenos do pazo municipal. O rexedor agradeceu o “inmellorable” labor desenvolvido pola fundación durante “os meses especialmente difíciles que vivimos como consecuencia da covid-19”


O Concello firma un convenio de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridad por un importe de 48.000 euros, 18.000 máis que o pasado ano

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente da Fundación Santo Hospital de Caridad Ferrol, Alberto Lens, rubricaron esta mañá no salón de plenos do pazo municipal un convenio de colaboración de 48.000 euros para contribuír ao financiamento e mantemento do refuxio Pardo de Atín. Esta axuda, que aumenta 18.000 euros respecto á concedida o pasado ano, forma parte do anexo de subvencións nominativas do Concello de Ferrol para este exercicio aprobado polo pleno municipal o pasado 27 de abril. 


O rexedor aproveitou a ocasión para agradecer a Lens o “inmellorable” labor desenvolvido durante os “meses especialmente difíciles que vivimos como consecuencia da covid-19 durante o estado de alarma” e a súa “dedicación e posta a disposición dos máis vulnerables”. Por iso “considero de xustiza o incremento no orzamento deste convenio, posto que o seu traballo, moi importante desde hai moitos años, neste caso foi imprescindible” para a cidade. Para rematar, o alcalde manifestou que o Concello continuará colaborando para que a Fundación Santo Hospital de Caridad Ferrol desenvolva o seu importante labor”. Pola súa banda, Lens agradeceu ao Concello de Ferrol a achega económica deste ano e manifestou que a pandemia pola covid-19 puxo a proba ao albergue. “Sempre estamos dispoñibles”, dixo. 

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, expresou tamén o seu agradecemento á fundación pola súa “excelente colaboración” co Concello de Ferrol durante o estado de alarma e a súa “boa” disposición para aportar material ao albergue provisional que o Concello habilitou na Casa do Mar.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar