Novas

venres, 11 de setembro de 2020

O Concello avanza no plan de humanización do parque Fontelonga de Caranza

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou esta mesma mañá o recinto acompañado por técnicos municipais e a presidenta da asociación de veciños para definir as actuacións que se levarán a cabo na zona axardinada


O Concello avanza no plan de humanización do parque Fontelonga de Caranza

O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina, visitou esta mesma mañá o parque de Fontelonga, en Caranza, xunto con técnicos municipais e a presidenta da asociación de veciños do barrio para definir as actuacións que o Concello de Ferrol levará a cabo no espazo axardinado co fin de “humanizar” o parque, segundo expresou o edil. 


Durante a visita percorreron a zona para analizar diferentes posibilidades e valorar as mellores opcións para proxectar unha intervención en Fontelonga. A vontade do concelleiro, tal e como trasladou esta mañá á representante veciñal, é dotar o parque de novos farois, renovar papeleiras e bancos, habilitar zonas de paseo e acondicionar e mellorar o peche da pista deportiva. O obxectivo é, puntualizou o concelleiro, “proxectar unha intervención branda que manteña a súa esencia, na que destaca a súa riqueza arbórea, ao tempo que modernice e potencie o parque como espazo de descanso dos veciños”, expresou Reina. 

O edil tamén trasladou á presidenta da asociación os detalles do proxecto de reparación do aglomerado da avenida do Mar, que afecta ao redor de dous quilómetros dunha das arterias máis transitadas da cidade. Teñen como obxectivo o reforzo do firme, desde o cruce da glorieta á música coa rúa Tellerías e a avenida Castelao, ata o acceso á avenida das Pías, e mellorar a sinalización da vía. O prazo de execución, xa en marcha, é de dous meses.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar