Novas

venres, 11 de setembro de 2020

Ferrol celebrará mañá as Pepitas nun acto “sinxelo”no patio do Torrente Ballester

O concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, indicou que con motivo das medidas de seguridade pola covid-19 a celebración no centro cultural terá restricións de aforo


O concelleiro de Educación e Cultura, Antonio Golpe, indicou que a celebración das Pepitas deste ano estará marcada pola situación sanitaria xerada pola pandemia e polas medidas de protección e seguridade recollidas no protocolo covid, polo que o acto institucional previsto no patio do centro cultural Torrente Ballester, que tradicionalmente se celebraba no teatro Jofre, estará pechado ao público. 


O edil explicou que será un “evento reducido” ao que acudirán en representación da corporación municipal de Mondoñedo, localidade irmandada con Ferrol desde 2004, a tenente de alcaldesa, María Elena Candia, e o concelleiro de Cultura, Alberto García. A cerimonia comezará ás 17 horas coa intervención do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e de Candia, e seguidamente intercambiarán agasallos. Os representantes de Mondoñedo recibirán do alcalde e de Golpe unha placa conmemorativa do ano cultural dedicado a Ricardo Carvalho Calero e Concepción Arenal. 

O homenaxe con motivo das Pepitas comezará coas palabras de Golpe e a entrega de agasallos ás madriñas e padriño, que recibirán unha botella antropomórfica de Sargadelos. Este ano serán Patricia Arnoso e a pequena Valentina Álvarez (rondalla Bohemios), María de la Paz (Sons do Alba), Manuela Isabel Mosetón (Club de Campo), Alicia Paz (Añoranzas), Nuria Lago (rondalla de Cariño) e o padriño Daniel Ríos (Só Elas). Os rondallistas homenaxeados deste ano —Jacinto Huete, Ángel R. Cebral e Jorge Martínez— recibirán unha insignia do Concello de Ferrol e, por último, a mención especial será para Juan J. de los Ríos, que recibirá unha réplica da peixaría de Ucha. Ao acto acudirán representantes do goberno local e do grupo municipal do PP.

Medidas de seguridade na actuación de Praza de Armas 
As actuacións das rondallas terán lugar na praza de Armas entre as oito da tarde e as once da noite. As entradas son de balde e poden adquirirse a través da páxina web reservas.gal. Hai 300 dispoñibles e as persoas con entradas deberán acudir con 30 minutos de antelación para garantir a reserva, que perderá vixencia 15 minutos antes do inicio do espectáculo. A partir dese momento admitirase o acceso sen reserva por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Estas persoas deberán facilitar o seu nome e teléfono de contacto. A desinfección de mans será obrigatoria na entrada e en todo momento deberanse respectar as indicacións ditadas polo persoal da organización. Ademais, desde a concellería de Cultura lembran que a máscara protectora será obrigatoria durante o espectáculo e non se poderá desprazar o asento asignado. Ao remate do espectáculo deberase abandonar o recinto en orde e pola saída máis próxima. Golpe insiste na necesidade de que “todos cumpramos coas medidas de seguridade, ao igual que sucedeu durante as actuacións de finais de agosto”. 

Placa conmemorativa en recordo do presidente de Sons do Alba 
Ao inicio da actuación en Praza de Armas a Coordinadora de Cofradías entregará unha placa conmemorativa á viúva de José Eduardo Fernández López, presidente da rondalla Sons do Alba falecido este ano.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar