Novas

luns, 14 de setembro de 2020

O Concello retoma hoxe a fase formativa do programa “Ferrol Cidade Viva”

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, indicou que xa son ao redor de 100 establecementos os participantes no plan municipal, que ten como fin “potenciar e dinamizar a economía da nosa cidade”. Este mesmo mes, ademais de retomar o asesoramento e os ciclos formativos, poñerase en marcha a terceira liña do plan, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local para incentivar as compras e captar clientes”


O Concello retoma hoxe a fase formativa do programa “Ferrol Cidade Viva”

O Concello de Ferrol retoma hoxe mesmo a fase formativa do programa “Ferrol Cidade Viva”, o plan deseñado pola concellería de Promoción Económica e Turismo, que dirixe María Teresa Deus, co fin de dar “impulso aos emprendedores locais” e “potenciar e dinamizar a economía da nosa cidade”. A formación, que se imparte de forma telemática, interrompeuse no mes de xullo tras impartir seis ciclos do programa municipal e agora, xa en setembro, reactívase coa celebración hoxe, ás 20.30 horas, do sétimo taller, neste caso sobre Escritura Dixital: como comunicarnos no ámbito dixital. O mércores, día 16, á mesma hora celebrarse outra sesión, sobre Venta Consultiva: un xeito de vender baseado na neurociencia. A novena e última sesión celebrarase a próxima semana.


De forma paralela, os emprendedores que participan no plan “Ferrol Cidade Viva” reciben asesoramento personalizado “co fin de potenciar os aspectos que sexan máis relevantes para eles. Queremos axudarlles a obter o máximo rendemento dos seus negocios, e para elo teñen acompañamento individualizado”, explica a concelleira. Neste mes de setembro, ademais de continuar coa formación e asesoramento, poñerase en marcha a finais de mes a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local para incentivar as compras e captar clientes”. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as vendas cruzadas. 

O programa co que o Concello pretende darlle impulso ao comercio local non deixa de lado os recursos dixitais. Na posta en marcha da gran promoción dos negocios contarase cunha aplicación que terá dobre uso: os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos nos establecementos, sorteos, premios, incentivos ás vendas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo. O cliente poderá acceder a ela a través dun código QR que estará exposto nos establecementos participantes. Neste punto, María Teresa Deus explicou que “todo este proceso será moi sinxelo, ese é o noso obxectivo, facer a campaña o máis accesible posible”. 

Polo momento xa son preto de 100 os establecementos participantes no programa. Os comerciantes interesados en sumarse a este proxecto poden enviar un correo electrónico a emprego@ferrol.es e os responsables do plan poñeranse en contacto con eles.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar