Novas

luns, 14 de setembro de 2020

As obras de ampliación do viario de acceso ao cemiterio de Serantes comezarán a finais de setembro

O voceiro municipal, Julián Reina, anunciou que hoxe se iniciou o procedemento de apertura das propostas presentadas para executar a reurbanización da rúa Espartero. O concelleiro expresou que se trata dunha “noticia ilusionante” que demostra a liña de traballo do goberno local dirixida á recuperación do centro e a “seguir potenciando que o noso casco histórico está de moda”


As obras de ampliación do viario de acceso ao cemiterio de Serantes comezarán a finais de setembro

O voceiro municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá na rolda de prensa posterior á celebración da Xunta de Goberno Local que as obras de ampliación do viario de acceso ao cemiterio de Serantes comezarán antes de que remate o mes de setembro despois de que na sesión de hoxe aprobárase o Plan de Seguridade e Saúde dos traballos. 


Esta actuación, incluída no Plan de Obras e Servizos (POS+2018) da Deputación da Coruña, prevé obras entre a rotonda da DP-3612 e o acceso á igrexa de Serantes, un espazo que o proxecto divide en dous tramos: o comprendido entre a glorieta e o inicio do camiño de acceso ao lugar de Aneiros e o que resta ata pasar o camposanto. Actualmente o ancho da calzada vai dos 5,5 metros no primeiro tramo ata os 3,30 no acceso á igrexa, e carece de beirarrúas e zonas habilitadas para o aparcamento de vehículos. 

O proxecto inclúe para o primeiro tramo unha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo haberá 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2. O proxecto contempla, entre outras actuacións, unha nova tubaxe de PVC que se conectará ao saneamento de pluviais executado na estrada DP- 3612, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e tamén a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns. O prazo de execución das obras é de catro meses desde a firma da acta de comprobación de replanteo. A actuación conta cun orzamento de 227.433,86 euros (con impostos). 

Reina explicou que con esta actuación o goberno local busca “mellorar a seguridade viaria tanto para peóns como para condutores” nunha parroquia “tan rural ao tempo que tan urbana que merecía a execución deste proxecto”. 

Avances tamén en Mandiá e Ferrol Vello 
O voceiro municipal tamén anunciou que a Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora aprobou o expediente de contratación do aglomerado do tramo de camiño C-112 e aglomerado de tramos de Camiño do Casal, na parroquia de Mandiá. Dita actuación, incluída no POS+2018 (Plan de Obras e Servizos) da Deputación da Coruña, consiste no pavimentado do viario sobre firme xa existente —na actualidade moi deteriorado—, o fresado do pavimento, a limpeza da súa superficie, a reparación de fochancas, o saneamento do firme, a formación e/ou perfilado de cunetas e a sinalización vertical e horizontal. Actuarase nunha superficie de 1.681 metros cadrados o prazo previsto de execución é dun mes. 

Reina tamén anunciou que o proxecto de reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello, vén de ter un “importante impulso” unha vez a sesión da Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol iniciara esta mañá a apertura das ofertas para a súa execución. Trátase dun “avance ilusionante”, dixo Reina, e “unha mostra máis de que este equipo de goberno continua traballando pola recuperación de dous importantes barrios da cidade, Ferrol Vello e A Magdalena”. Deste modo o Concello “avanza na importante tarefa de seguir potenciando que a noso casco histórico está de moda”. 

Reina explicou que o orzamento do contrato é de 620.197,36 euros, dos que o 80 % (496.157,89) está previsto que se financien con fondos europeos e o resto con cargo ás arcas municipais. Tamén detallou que o prazo de execución das obras é de seis meses a partir do seu inicio.

O proxecto de reurbanización de Espartero inclúe a eliminación das beirarrúas, polo que a plataforma da rúa pasará a ser única. A diferenciación dos espazos dedicados aos peóns e ao tráfico rodado realizarase mediante un cambio de pavimento. Deste xeito, as actuais lousas que forman as beirarrúas no tramo entre San Antonio e Baterías volveranse utilizar, sempre que sexa posible, tendo en conta que se trata dun elemento catalogado no Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello. No caso de que sexa necesario, o novo material que se aporte terá características similares ao xa existente. A zona destinada o paso de vehículos será de adoquín, seguindo o mesmo esquema doutras urbanizacións recentes no barrio, como Merced, Socorro, Conchas e Mártires. Na parte final, entre Baterías e a estrada Alta do Porto, empregaranse lousas de granito na totalidade da rúa, sen diferenciar entre áreas destinadas aos peóns e ao tráfico rodado. 

As obras implicarán a renovación das instalacións tanto de saneamento coma de abastecemento de auga. Tamén a reposición da rede de gas. Está prevista a construción de canalizacións para o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións. Por último, instalarase un novo alumeado público e mobiliario urbano axeitado ao proxecto deste tipo de elementos para Ferrol Vello. Reina afirmou que esta intervención “nunha das rúas máis importantes do barrio histórico ferrolán” vai contribuír de xeito significativo á rexeneración e á humanización dunha parte da cidade declarada área de rehabilitación integral (ARI) no 2001 e ben de interese cultural no 2011. Este Concello, dixo, “decidiu apostar de forma firme pola actualización e modernización dun barrio histórico en coordinación con outras administracións co fin de recuperar Ferrol Vello”.

Deste modo, explicou, “os nosos veciños e todos os turistas que visiten a nosa cidade poderán coñecer o magnífico entorno do inicio da primeira milla do Camiño Inglés”. 

A reurbanización da rúa Espartero, no conxunto histórico do barrio de Ferrol Vello, é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

Incremento de contedores de recollida de papel e aceite 
Na sesión de hoxe da Mesa tamén abordouse a contratación da subministración de novos contedores de recollida selectiva de papel e aceite para o servizo de recollida de residuos do Concello de Ferrol coa finalidade de incrementar a dotación do sistema de retirada destes residuos no conxunto do municipio. En total, proporcionaranse 65 contedores de papel-cartón de cor azul cunha capacidade aproximada de 1.100 litros, e oito para aceite, de uns 240 litros cada un. 

O terceiro asunto tratado na Mesa de Contratación foi a reparación de beirarrúas en seis estradas da Deputación: DP-3603 (Ferrol-Cobas), DP-3604 (San Xoán de FilgueiraCatabois), DP-3605 (Penas de Guitín-San Xoán de Filgueira), DP-3608 (SerantesDoniños), DP-3609 (Corrás-A Malata) e, por último, a DP-3612 (Aneiros-A Cabana). A actuación consistirá en emendar o deterioro do firme das beirarrúas, tanto pola presenza de vexetación como por roturas, afundimento, levantamento de baldosas como por outros danos. Tamén se mellorará a accesibilidade aos pasos de peóns, eliminaranse barreiras arquitectónicas e restableceranse os elementos de protección para viandantes en zonas puntuais. 

Por último, Reina trasladou que esta mesma semana visitará o Ensanche A para coñecer de primeira man as necesidades abordadas na reunión que o concelleiro de Urbanismo mantivo a pasada semana con representantes veciñais do barrio. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar