Novas

mércores, 16 de setembro de 2020

O Concello celebrará o próximo martes o Día Sen Coches cunha xornada de transporte urbano gratuíto

O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, explicou esta mañá na comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación as actividades con motivo da Semana Europea da Mobilidade, que comeza hoxe. O edil anunciou que o barrio da Magdalena se pechará ao tráfico rodado tamén o día 22 deste mes co fin de “concienciar aos nosos veciños das vantaxes e beneficios dos desprazamentos a pé tanto para as persoas como para o medio ambiente”. A Aula de Ecoloxía Urbana ofrece desde hoxe actividades para elaborar planos Metro-minuto personalizados que recollerán a distancia que se percorre a diario e o tempo de despraz


A Concello de Ferrol súmase á campaña do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para celebrar desde hoxe e ata o día 22 a Semana Europea da Mobilidade tras asinar a Carta de Adhesión 2020, na que a cidade mostra o seu compromiso coa sensibilización sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente. Tamén sobre os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles, como o transporte público, a bicicleta e os viaxes a pé. 


Precisamente por iso, Julián Reina, concelleiro de Mobilidade, anunciou esta mañá que o Concello de Ferrol celebra a Semana Europea da Mobilidade con varias iniciativas. Unha delas, informou Reina, será que o transporte urbano na cidade será gratuíto o próximo martes, 22 de setembro, cando se celebra o Día mundial sen coches. Con esta medida o Concello quere mostrar a súa vontade de “fomentar o uso do transporte público como alternativa ao vehículo privado e incidir nas consecuencias negativas do uso irracional do coche na cidade”, tal e como trasladou o edil aos grupos da oposición esta mañá na comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación, que tivo lugar no salón de plenos do pazo municipal. O concelleiro trasladou que tamén o día 22 deste mes pecharase o tráfico rodado pola Magdalena, un barrio, dixo Reina, “moi agradable de percorrer de camiño aos nosos destinos” e que “entre todos debemos coidar e poñer en valor”.

Actividades desde esta mesma tarde 
Con motivo da Semana Europea da Mobilidade que hoxe comeza, o Concello de Ferrol inicia esta tarde un programa de actividades que terán lugar na Aula de Ecoloxía Urbana, no Cantón de Molíns. Elaboraranse planos Metro-minuto personalizados, nos que figurarán aqueles lugares dende os que se desprazan de xeito habitual os participantes e os lugares aos que se dirixen, como as súas casas, centros de ensino o lugares de traballo. O concelleiro explicou que no plano aparecerán ditos lugares, a distancia entre eles e o tempo de desprazamento a pé. 

Dado que Ferrol é unha cidade pequena, dixo Reina, o obxectivo da actividade “é concienciar á poboación sobre os beneficios dos desprazamentos a pé ao tempo que se lles mostra que a maior parte dos percorridos diarios son curtos e é factible realizalos camiñando”. Os interesados en participar poden anotarse chamando á Aula de Ecoloxía Urbana (981 944 222) de 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas. As actividades levaranse a cabo hoxe, de 16.30 a 18 horas e os días 17, 18, 19, 20, 21 e 22 de setembro de 11 a 12.30 horas e de 16.30 a 18 horas. 

Tamén desde a Aula de Ecoloxía Urbana crearase un vídeo divulgativo sobre a mobilidade urbana sostible e as súas vantaxes que se compartirá a través das redes sociais e da páxina web do Concello a partir do próximo sábado.

Unha firme “vontade” de reordenar o tráfico 
O concelleiro responsable de Mobilidade aproveitou o inicio da Semana Europea da Mobilidade para facer un repaso da liña de traballo que neste senso está a seguir o Concello de Ferrol nos últimos meses. 

A “firme” vontade do goberno local de “reordenar o tráfico rodado no centro da cidade e intentar dar prioridade aos peóns respectando o medio ambiente” manifestouse, por exemplo, “nas medidas adoptadas polas concellerías de Tráfico, que dirixe Germán Costoya, e de Mobilidade unha vez se abriu a praza de Armas, como a prohibición do paso de vehículos particulares na contorna deste espazo”. Deste modo, o tramo da rúa Terra, que discorre desde Sol ata a rúa Magdalena só pode ser utilizado por vehículos municipais, taxis e para carga e descarga no horario establecido. O mesmo ocorre, lembrou Reina, coa rúa Rubalcava, entre Magdalena e Sol, cuxo tramo tamén quedou invalidado para vehículos particulares. Estas restricións, puntualizou o edil, xa estiveron vixentes durante a execución dos traballos na praza de Armas e pasaron a ser permanentes unha vez finalizadas as obras. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar