Novas

mércores, 16 de setembro de 2020

O Real Coro Toxos e Froles recupera a actividade logo de que o Concello rematara a reparación da cuberta da súa sede

O alcalde e o concelleiro de Urbanismo percorreron as instalacións acompañados polo presidente da entidade, quen lles avanzou que onte mesmo se ían retomar os ensaios


O Real Coro Toxos e Froles recupera a actividade logo de que o Concello rematara a reparación da cuberta da súa sede

O Real Coro Toxos e Froles puido retomar onte a actividade na súa sede logo de que o Concello de Ferrol rematara as obras de reparación da cuberta. Estes traballos serviron para solucionar as importantes filtracións de choivas que se viñan producindo durante os últimos anos e que, ademais de interferir coa programación da entidade, estaban poñendo en perigo o valioso patrimonio co que conta. A actuación foi un obxectivo prioritario da concelleira de Obras, Ana Lamas, tras tomar posesión do cargo. Nese momento, as obras xa estaban adxudicadas, pero a empresa que as ía acometer finalmente renunciou, polo que foi necesario volvelas contratar. O pasado outono foron adxudicadas de novo, por 48.122,58 euros. Consistiron na substitución da antiga cuberta por outra de zinc e no pintado de diversas estancias afectadas pola humidade. 


O alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitaron onte o edificio para comprobar o resultado dos traballos. Fixérono guiados polo presidente do Toxos, Arturo Lamas, que lles trasladou a súa satisfacción por que a entidade poida gozar novamente das instalacións en condicións axeitadas. De feito, explicoulles que a última hora da tarde o coro ía retomar os ensaios e que ao longo desta semana se van ir recuperando o resto de actividades habituais. Para elo, adoitáronse medidas de seguridade co obxectivo de cumprir a normativa covid, que Lamas lles detallou ao rexedor e ao edil. 

Mato e Reina aproveitaron a visita para tratar co presidente do coro posibles necesidades das instalacións, e tamén lle avanzaron que o Concello está a preparar a posta en funcionamento do ascensor do edificio, que quedou danado debido á gran cantidade de auga que verteu sobre el dende o tellado durante os pasados invernos. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar