Novas

mércores, 16 de setembro de 2020

O Concello prepara os actos do Día Internacional das Persoas sen Fogar

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presidiu esta mañá unha nova sesión do Grupo de Traballo de entidades que traballan con este colectivo


O Concello prepara os actos do Día Internacional das Persoas sen Fogar

O salón de actos do edificio social acolleu esta mañá unha reunión do Grupo de Traballo de Entidades que traballan con persoas sen fogar, na que participan Cáritas, Dignidad, Cocina Económica de Ferrol, Cruz Vermella, Albergue Pardo de Atín e as áreas de atención primaria e saúde mental da Área Sanitaria, e que preside a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. 


A preparación dos actos que se van celebrar este ano con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas sen Fogar, o próximo 25 de novembro, centrou boa parte desta xuntanza, na que se acordou que se realizará, como así xa se falara en ocasións anteriores, un vídeo que recolla a experiencia deste grupo de traballo durante o estado de alarma. Así, a concellería de Benestar Social contratará dito vídeo co fin de poñer en valor e dar a coñecer un traballo que, subliñou, “malia ser difícil e moitas veces improvisado polo descoñemento da propia situación, obtivo uns resultados moi positivos en termos xerais e mesmo destacados por institucións e entidades de fóra de Galicia”. A idea, dixo, pasa por presentar o vídeo, no que participarán todas as entidades deste grupo de traballo, así como o Concello, na derradeira semana do mes de outubro, e completar este acto cun programa de actividades —conferencias, mesa redonda ou similar— que sexan acordes á situación de pandemia e aos diferentes protocolos de seguridade. 

A este respecto, as persoas que asistiron á reunión acordaron facer propostas á concellería ao longo desta semana para pechar o programa antes de que remate setembro e poder realizar as xestións necesarias con tempo antes desa semana de outubro.

Formación orientada ao emprego grazas ao programa Ferrol Acolle 
Neste encontro, ademais, as tres técnicas que traballan no programa de inclusión Ferrol Acolle explicaron a situación na que se atopa na actualidade este programa municipal, que traballa con persoas en situación de sen fogar na nosa cidade. Como dixeron, xa son 31 as persoas valoradas e 27 as que consideran aptas para participar nalgúns dos programas que se inclúen no plan, que contará con diferentes módulos formativos prelaborais, como o de Alfabetización Dixital ou o de Prevención de Riscos Laborais, que comezarán en breve, e cun período de formación profesionalizante, que se levará a cabo o ano que vén ata o 30 de xuño. A maiores, o programa contempla un módulo importante de transición á vivenda que, como apuntou a concelleira de Benestar, se pretende vencellar cun proxecto nacido no seo deste grupo e que Martínez quere que sexa unha realidade en 2021, que é a posta en marcha dun piso na cidade para persoas sen fogar, de transición á vivenda, o recurso que máis demandan os participantes neste proxecto xa que na súa totalidade ou carecen do mesmo ou están nunha situación irregular ou de infravivenda. As técnicas agradeceron o traballo previo realizado polas entidades, que levan dende un principio derivando potenciais beneficiarios deste programa, e pediron manter esta coordinación, extremo que foi aceptado por todas as asociacións. A vindeira reunión deste grupo de traballo será o vindeiro 13 de outubro.







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar