Novas

mércores, 16 de setembro de 2020

O Concello instalará bancos baixo as árbores da zona verde do Palco das Ánimas

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, percorreu onte as rúas do Ensanche A acompañado de membros da asociación de veciños para comprobar as necesidades do barrio


O Concello instalará bancos baixo as árbores da zona verde do Palco das Ánimas

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, percorreu onte o Ensanche A acompañado de representantes veciñais para tratar con eles as necesidades que presenta o barrio. A visita comezou no Centro Cultural Carvalho Calero, onde, tras a reparación da cuberta, o Concello ten a intención de realizar diversas melloras no interior do edificio, no que desenvolve a súa actividade a asociación do Inferniño. 


Durante o traxecto, fixeron parada, entre outros lugares, no Palco das Ánimas, onde o edil avanzou que proximamente se van instalar bancos coa intención de consolidar a área verde como “un espazo de reunión e ocio para os veciños”. Para elo aproveitaranse as zonas de sombra que ofrecen as árbores de gran porte que medran no lugar, tal e como conveu cos membros da asociación. 

Reina tamén analizou con eles diferentes posibilidades de intervencións en vías que necesitan reparacións, ademais de comentar as prioridades á hora de levar a cabo este tipo de actuacións. Para elo, achegáronse, entre outras, ás rúas Inferniño, Instituto, Pontevedra, Ourense, Alcalde Usero, Fontaíña, Río Miño, Fontemoura, Pintor Bello Piñeiro ou Río Lérez. 

O encontro serviu tamén para que o concelleiro lles ofrecese aos representantes veciñais información sobre os trámites necesarios para a instalación de ascensores en edificios que carecen deles, un asunto de especial importancia nun barrio no que, tal e como lembraron, boa parte do parque de vivendas se levantou antes de que se xeneralizase a inclusión destes aparatos nos proxectos construtivos. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar