Novas

xoves, 01 de outubro de 2020

O Corpo de Bombeiros realizou en Ferrol 120 intervencións de desinfección en residencias, hospitais e ambulatorios desde que retomou os traballos a mediados de agosto

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, indicou que os labores se desenvolven de luns a domingo en días alternos no horario de menor afluencia de persoas para evitar molestias


O Corpo de Bombeiros realizou en Ferrol 120 intervencións de desinfección en residencias, hospitais e ambulatorios desde que retomou os traballos a mediados de agosto

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Seguridade, que dirixe Germán Costoya, retomou a mediados de agosto os labores de limpeza en profundidade con solución desinfectante nos exteriores de centros hospitalarios, ambulatorios, residencias de maiores e do albergue. Na mañá de onte mesmo, un equipo formado por tres efectivos dotados con equipos de protección individual (EPI) e un camión bomba pulverizou solución desinfectante nos accesos ao ambulatorio de Praza de España, entre outros espazos. 


O edil explicou que os traballos de desinfección se están a levar a cabo de luns a domingo en días alternos no horario de menor afluencia de persoas para evitar molestias aos veciños. Inclúen os exteriores dos ambulatorios de Serantes, Caranza e Praza de España, as residencias de maiores, os edificios municipais de Servizos Sociais, os centros hospitalarios Novoa Santos, o Hospital Naval, o Hospital Xeral Juan Cardona, o Centro Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), o Centro de atención a persoas con discapacidade (CAMF) e o albergue.

Cosyota, quen aplaudiu a tarefa que desenvolve o Corpo de Bombeiros, indicou que o fin de retomar os traballos de desinfección no mes de agosto, tras os labores durante o estado de alarma, “responde á intención desde equipo de goberno de poñer todos os medios que temos para protexer aos nosos veciños e seguir loitando entre todos contra a propagación da covid-19”. 

Máis de 800 intervencións durante o estado de alarma 
O Corpo de Bombeiros de Ferrol realizou durante o tempo que durou o estado de alarma un total de 820 desinfeccións en diferentes espazos da cidade. No mes de marzo e abril sumaron 383, en maio outras 374 e en xuño, ata a finalización do estado de alarma, fixéronse un total de 63 intervencións.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar