Novas

xoves, 01 de outubro de 2020

O Concello ultima o estudo sobre o transporte adaptado no Grupo de Traballo de Dependencia e Diversidade Funcional de Ferrol

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presidiu onte unha nova reunión do organismo creado a finais do pasado ano, á que acudiron o xerente da Mancomunidade de Concellos da Comarca e o investigador da UDC que leva a cabo o estudo estratéxico que diagnosticará a situación actual


O Concello ultima o estudo sobre o transporte adaptado no Grupo de Traballo de Dependencia e Diversidade Funcional de Ferrol

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, celebrou onte unha nova reunión do Grupo de Traballo de Dependencia e Diversidade Funcional de Ferrol, un organismo creado a finais do pasado ano co fin de deseñar estratexias de traballo entre as entidades sociais participantes, optimizar recursos e definir problemáticas para articular as medidas oportunas. 


Ao encontro de onte acudiron, ademais de representantes das asociacións que integran o grupo de traballo, o xerente da Mancomunidade de Concellos da Comarca, Luis Alcalá, e o investigador da Universidade da Coruña (UDC) que está levando a cabo o estudio preliminar estratéxico sobre a situación do transporte adaptado na comarca —o que corresponde ao servizo 065 e furgonetas adaptadas—, un documento que servirá para que o Concello de Ferrol e o resto de administracións locais da Mancomunidade dispoñan dun punto de partida a partir do cal poidan implantar medidas e accións orientadas a mellorar o transporte adaptado. 

Neste senso, explicou a edil, o investigador aproveitou a reunión de onte para solicitar máis información aos representantes das entidades sobre os medios e recursos dos que dipoñen para transportar aos seus usuarios e completar así o seu diagnóstico da situación actual. 

Dito estudio é froito dun proxecto posto en marcha polo Concello de Ferrol e a Mancomunidade que ten a finalidade de mellorar e optimizar o transporte adaptado, tal e como dixo a concelleira. O goberno local “ten entre os seus obxectivos mellorar o día a día de todos os nosos veciños, e reforzar o actual transporte adaptado é un medio máis para conseguilo”. A concelleira explicou que as conclusións do estudio se presentarán no prazo dun mes.

Celebración do Día Nacional das Persoas con Discapacidade 
Na reunión de onte tamén se abordou a celebración do Día Nacional das Persoas con Discapacidade, que terá lugar o próximo 3 de decembro. Martínez Montero explicou que na próxima reunión do Grupo de Traballo de Dependencia e Diversidade Funcional, prevista para finais de outubro, analizaranse as actividades expostas polas diferentes entidades para dita celebración. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar