Novas

xoves, 01 de outubro de 2020

O Concello combaterá a soidade dos maiores xerada pola covid-19 con obradoiros de estimulación cognitiva e entretemento a través das novas tecnoloxías

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presentou esta mañá, Día Internacional das Persoas Maiores, o programa municipal que se levará a cabo durante oito meses na residencia de Caranza para acompañar a un colectivo especialmente vulnerable ao virus


O Concello combaterá a soidade dos maiores xerada pola covid-19 con obradoiros de estimulación cognitiva e entretemento a través das novas tecnoloxías

O Concello de Ferrol vai poñer en marcha este mesmo mes un programa de Estimulación Cognitiva na residencia de maiores de Caranza co fin de combater a soidade á que obrigan as medidas restritivas neste tipo de instalacións como consecuencia da covid-19, tal e como anunciou hoxe, Día Internacional das Persoas Maiores, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. 


A edil estivo acompañada pola coordinadora de Acción Familiar, Concha Rubio, entidade que colaborará co Concello no desenvolvemento dos obradoiros. Será unha psicóloga experta en xerontoloxía a encargada de impartir o programa, que comezará en outubro e durará oito meses, seis horas á semana. Polo momento serán ao redor de 25 persoas maiores as que se beneficien deste programa municipal, que comeza como “experiencia piloto”, dixo a concelleira, na residencia de Caranza e que se estenderá a outros centros de maiores en función dos resultados obtidos. 

Martínez Montero explicou que o programa municipal ten a intención de restar a soidade á que se enfrontan os maiores como consecuencia do virus. É un colectivo que agora “teñen restrinxidas as visitas e a súa participación en actividades de grupo”, polo que “dende o Concello queremos acompañalos aproveitando as novas tecnoloxías”. A edil explicou que o programa inclúe coñecementos no manexo do móbil, da tablet —que a residencia pon a dispor dos usuarios— e incluso de altofalantes intelixentes. 

Pola súa banda, Rubio indicou que os maiores “teñen ganas de aprender a manexar estes dispositivos como medio de estimulación, entretemento e de comunicación con familiares unha vez viron como lles afectaron as medidas adoptadas pola pandemia” e asegurou que o programa municipal se adaptará ás necesidades de cada usuario e da súa evolución.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar