Novas

venres, 02 de outubro de 2020

O concelleiro Julián Reina abordou coa presidenta do Colexio de Arquitectos de Ferrol fórmulas para axilizar as licencias de obras

O responsable de Urbanismo mantivo o pasado mércores unha reunión con membros do organismo, na que tamén trataron a inclusión do Ensanche A no ámbito de actuación da Inspección Técnica de Edificios (ITE). O edil apuntou que ambas partes traballarán conxuntamente para “poñer a cidade como merece” e seguir potenciando “algo xa innegable, que o noso centro está de moda”


O concelleiro Julián Reina abordou coa presidenta do Colexio de Arquitectos de Ferrol fórmulas para axilizar as licencias de obras

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, mantivo o pasado mércores unha reunión coa presidenta do Colexio de Arquitectos de Ferrol, Carmen Pérez Parapar, para abordar asuntos de interese para a cidade. Entre eles, a necesidade de activar fórmulas que permitan axilizar a tramitación de todo tipo de licencias urbanísticas co fin de “facilitar ao cidadán que o desexe realizar obras na súa vivenda”, explicou o concelleiro, quen insistiu en que a intención do Concello é contribuír a que Ferrol avance, tamén a través do estado dos seus edificios”. De este modo, dixo, “animamos aos nosos veciños a apostar pola nosa cidade”. Tras o encontro con Pérez Parapar, o edil asegurou que “ambos coincidimos en que é fundamental reforzar a colaboración entre o Concello e o Colexio de Arquitectos” e agradeceu a súa “boa disposición para traballar de forma conxunta”, apuntou Reina.


Outro dos asuntos tratados na reunión, á que tamén acudiron a secretaria e o responsable de formación do organismo, foi a necesidade de incluír o barrio do Ensanche A no ámbito de actuación da Inspección Técnica de Edificios (ITE) —que na actualidade intervín en Esteiro antigo, A Magdalena e Ferrol Vello— tendo en conta a antigüidade de algúns edificios do barrio. 

Un casco histórico de moda 
Do mesmo feito, o concelleiro e a presidenta do Colexio de Arquitectos abordaron posibles liñas de colaboración co fin de “traballar de forma conxunta para poñer a nosa cidade como merece e potenciar unha realidade que xa é innegable, que o noso casco histórico está de moda”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar