Novas

luns, 05 de outubro de 2020

O goberno local aproba a solución ao “problema histórico” da urbanización de Cidade Xardín

O alcalde, Ángel Mato, acompañado polo concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou que 16 anos despois a Xunta de Goberno Local aprobou un orzamento de preto de 700.000 euros para arranxar as deficiencias


O goberno local aproba a solución ao “problema histórico” da urbanización de Cidade Xardín

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acompañado polo voceiro municipal e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou tras a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá a aprobación do proxecto de execución do arranxo das deficiencias detectadas na urbanización do Plan de sectorización Cidade Xardín no Vinculeiro, cuxo orzamento ascende a 695.207,56 euros. Do mesmo xeito, aprobouse remitir á tesourería para que proceda á incautación da totalidade da garantía prestada por Proxectos Ciudad Jardín, S.L. para satisfacer as responsabilidades derivadas da execución das obras de urbanización, o aval por importe de 549.568,66 euros, así como requerir o abono dos gastos que excedan do importe de dito aval ao promotor do polígono Proxectos Ciudad Jardín, S.L. 


O alcalde asegurou que a aprobación deste proxecto é “unha solución a un problema histórico” que “leva sobre a mesa 16 anos”. O proxecto inclúe todas aquelas intervencións que non foron resoltas como consecuencia da quebra da empresa, o que provocou “moitos problemas para que os residentes obtiveran as licencias de primeira ocupación”. Mato explicou que a execución destes traballos fará posible que os veciños poidan obter ditas licencias e recoñeceu sentirse “moi orgulloso” do traballo desenvolvido polo departamento de Urbanismo e o seu concelleiro, Julián Reina, para axilizar a resolución dun problema que se detectou cando o actual alcalde era o titular da concellería de Urbanismo. O traballo feito durante estes anos polos gobernos municipais “por fin deu os seus froitos”, dixo Mato, quen apuntou que no próximo ano os veciños verán iniciados os traballos que solucionarán os problemas en Cidade Xardín. 

Pola súa banda, Reina insistiu en que a aprobación de hoxe supón “un paso determinante para pór fin a un problema que veñen sufrindo os nosos veciños desde hai moito tempo” e apuntou que desde a concellería de Urbanismo axilizaranse os trámites para que canto antes queden resoltas as deficiencias na urbanización do Plan de Sectorización Cidade Xardín no Vinculeiro. 

O tamén voceiro do goberno local detallou o programa de necesidades conforme aos informes emitidos polos departamentos técnicos municipais e que inclúe a conexión da avenida do Vinculeiro coa estrada de Santa Icía mediante un paso de peóns na avenida que permitirá cruzar con seguridade aos peóns que circulen pola beirarrúa da estrada de Santa Icía. Executarase a conexión viaria entre a urbanización Cidade Xardín e a urbanización O Boial e tamén a continuación da beirarrúa no oeste da urbanización, que dará continuidade ao itinerario peonil desde a avenida Buque Escola Galatea ata a rúa Cruz de Arriba. 

Reina tamén explicou que se executará a rasante da beirarrúa entre a estrada de Santa Icía e a rotonda norte da urbanización e instalaranse salva bordos metálicos para  facilitar o acceso ás vivendas. Instalarase unha banda de 90 centímetros de ancho de baldosas direccionais en todos os pasos de peonís no interior da urbanización e repoñerase os bordos e beirarrúas en mal estado. Do mesmo feito realizarase unha limpeza xeral nas beirarrúas, eliminaranse os elementos vexetais e rozarase a maleza. 

Traballos na rede de abastecemento de auga e no saneamento 
O concelleiro anunciou que o proxecto contempla o acondicionamento das glorietas na avenida do Vinculeiro, que incluirá a eliminación das malas herbas e a poda do arboradura así como nova sinalización vertical e horizontal. Desenvolveranse traballos de reparación na rede de abastecemento de auga no interior da urbanización, como a limpeza interior das arquetas de abastecemento e a substitución das tapas de rexistro nas arquetas da tubaxe principal da avenida do Vinculeiro, entre outras intervencións. Do mesmo xeito, levaranse a cabo todas as reparacións necesarias nas redes de saneamento e de pluviais. 

En canto á rexeneración de zonas verdes, dixo Reina, levarase a cabo a roza e limpeza do terreo, formaranse sendas peonís, plantaranse carballos, castaños e nogueiras, instalaranse novos bancos e novas papeleiras e renovarase a rede de alumeado dentro da zona verde. Tamén se proxecta a rehabilitación da pista deportiva, segundo indicou o concelleiro de Urbanismo.

Instalación de Siemens Centro de Innovación e Servizos 
Ao final da comparecencia, o alcalde referiuse á autorización por parte da Xunta para que Siemens se instale no Centro de Innovación e Servizos (CIS), onde desenvolverá o programa do xemelgo dixital das fragatas F-110. “Estou moi satisfeito por que a Xunta atendera a solicitude tanto de Navantia coma do Concello de Ferrol”, asegurou Ángel Mato antes de indicar que, na súa opinión, o CIS “é un lugar óptimo para situar o centro de excelencia do naval”. O rexedor insistiu en que “cando todas as Administracións traballan xuntas as solucións son moito máis doadas”. 
“Imaxino o CIS coma un gran centro de investigación e desenvolvemento das enerxías ligadas ao mar”, dixo Mato, que aproveitou para agradecerlle tamén ao Goberno central “que fixera unha aposta por Ferrol”. 

O alcalde considera que “a fortaleza económica vai chegar da man da tecnoloxía e da innovación”, polo que expresou a súa confianza en que o programa do xemelgo dixital das fragatas F-110 deixe “ese pouso de valor engadido na cidade, na comarca e en Galicia”. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar